BNG defenderá no Congreso o acceso á xubilación anticipada e sen penalizacións do persoal da sanidade pública
Néstor Rego leva á Comisión de Sanidade da cámara baixa unha iniciativa trasladada pola CIG-Saúde relativa á xubilación das persoas traballadoras na sanidade pública esta quinta feira
Aplicación de novos coeficientes redutores e permitir que as profesionais da sanidade poidan xubilarse aos 60 anos sen penalización, especialmente, no caso de traballadores e traballadoras con longas carreiras de cotización
Co obxectivo de recoñecer o seu labor e corrixir as eivas existentes no persoal da sanidade pública, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá unha iniciativa na Comisión de Sanidade da cámara baixar para que poidan xubilarse aos 60 anos sen penalización cando teñan longas carreiras de cotización e a aplicación de coeficientes redutores. A Proposición Non de Lei foi trasladada polo propio sector a través da central sindical CIG-Saúde e será debatida e votada a vindeira quinta feira e o BNG buscará o apoio do resto de forzas políticas para facer xustiza nun sector cunha acusada discriminación de xénero.
O sector sanitario ten características propias e se falamos do persoal da sanidade pública, posúe riscos laborais específicos cunha elevada taxa de problemas de saúde laboral: riscos biolóxicos, químicos, radiacións ionizantes, riscos psicosociais, quendas rotatorias que favorecen a aparición de enfermidades coronais e cerebro-vasculares, depresión, etc. Malia ser unha área profesional diversa, o sector está principalmente formado por mulleres que, en moitos casos, contan cunha vida laboral dilatada de máis de 40 anos de servizo. Todas estas problemáticas do sector foron tratadas conxuntamente polo BNG e representantes da CIG-Saúde, incluído o seu Secretario Nacional, Manuel González Moreira, en distintas reunións que cristalizaron en distintas iniciativas parlamentares.
“É hora de facer xustiza e corrixir as eivas existentes. Despois de longas vidas laborais, o persoal sanitario merece ser recoñecido, tal e como xa están contemplados estes dereitos laborais a outros colectivos laborais” defende o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Rego exemplifica a existencia de coeficientes redutores para a xubilación en ámbitos laborais altamente masculinizados ou a posibilidade de xubilación sen penalización noutros.
O Goberno, explica Néstor Rego, conforme á lexislación vixente en materia de Seguranza Social, debe impulsar un Real Decreto que “regule a xubilación para as persoas traballadoras da sanidade, maiores de 60 anos e con longas vidas laborais de máis de 40 anos de prestación de servizo”. Do mesmo xeito, no ámbito da negociación do Foro para o Diálogo Social do Estatuto Marco de Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde, o executivo “debe sentarse a negociar os coeficientes redutores para a xubilación voluntaria do persoal da sanidade, cando a traballadora ou traballador cumpra os 60 anos”.
Ao seren unha área profesional especialmente feminizada, posto que nel as mulleres superan 55% do total do cadro de persoal, levar a cabo esta regulación lexislativa é facer dobremente xustiza porque “tamén se remataría coa discriminación de xénero existente”. Se atendemos aos datos, na sanidade pública a porcentaxe de mulleres é de 78’4% frente a 21’6% de homes. “A discriminación de xénero non debería ser tolerábel para un goberno progresista. Os dereitos laborais no sector sanitario deberían ter a mesma consideración que os doutros ámbitos laborais, altamente masculinizados, que si gozan de coeficientes redutores para a súa xubilación” sinala o deputado do BNG.
Unha nova votación no Congreso despois do veto do PP no Senado
A organización nacionalista decide levar a debate e votación esta iniciativa despois de que en setembro fose levada á cámara alta, da man da senadora do BNG, e o veto do Partido Popular na Comisión de Sanidade que foi a única formación política que votou en contra. Porén, o BNG seguira a defender unha cuestión que é de xustiza e agarda contar co apoio de todos os grupos para instar o Goberno a que “actúe de maneira áxil e eficaz o acceso á xubilación anticipada e sen penalizacións do persoal da sanidade pública”.