Senado

BNG defende Vigo como sede da FAO da Rede Global de Portos Azuis

Carme da Silva

A senadora de Galiza, Carme da Silva, propón converter a cidade de Vigo nun referente mundial da estratexia de Crecemento Azul e pide da “máxima cooperación institucional” para acadalo

Carme da Silva intervirá por primeira vez no Senado para defender un sistema de financiamento xusto para Galiza e as entidades locais

A senadora por Galiza, Carme da Silva, rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado estude a posibilidade de formalizar a solicitude diante da FAO para que Vigo acolla a súa Sede da Rede Global de Portos Azuis. A senadora nacionalista defende que a cidade se converta nun verdadeiro referente mundial da estratexia de Crecemento Azul e procura a máxima cooperación institucional para acadalo. Así mesmo, da Silva estrearase na cámara baixa este martes, 3 de outubro, defendendo un sistema de financiamento xusta para Galiza e as entidades locais.

Nas portas dunha nova edición da Feira de Conxemar, onde en 2019 se materializaba unha proposta concreta para que Vigo fose referente portuario a nivel internacional, a senadora por Galiza, Carme da Silva, anuncia o rexistro de iniciativas para  conseguir que Vigo acolla a sede da FAO da Rede Global de Portos Azuis.

Para conseguilo, sinala da Silva, é preciso que o Goberno do Estado inicie un proceso de diálogo con todas as administracións públicas implicadas “a comezar pola Xunta de Galiza e a Autoridade Portuaria de Vigo”. Na súa opinión, ademais da máxima cooperación institucional, é preciso “que as diferentes administracións leven a cabo esforzos concretos e suficientes” mais, a día de hoxe, non se teñen acreditado.

Cabe lembrar que o pasado 12 de xullo de 2022, a Autoridade Portuaria de Vigo, Portos do Estado, a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España e a Consellería do Mar da Xunta de Galiza, subscribían conxuntamente unha Declaración Institucional expresando o seu compromiso compartido para impulsar a economía azul para un futuro sustentábel.

“Nesa liña tamén inserían o obxectivo de que Vigo fose un referente portuario a nivel internacional, nomeadamente nas actividades pesqueiras, e acollese a Sede da Rede Global de Portos Azuis da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO)” lembra Carme da Silva.

Primeira intervención na cámara alta: a voz de Galiza no Senado

A senadora de designación autonómica, Carme da Silva, intervirá por primeira vez na cámara alta para defender os intereses das e dos galegos este martes, 3 de outubro, no primeiro pleno do Senado. A senadora, membro do BNG, defenderá un novo sistema de financiamento, xusto para Galiza e as entidades locais galegas, durante o debate e votación dunha moción socialista.