parlamento galego

BNG defende o uso de probas de saneamento gandeiro máis específicas que eviten o sacrificio innecesario de animais sans

Sonia Vidal

Sonia Vidal advirte das perdas económicas e o dano emocional que supón para as gandeiras e os gandeiros ter que facer un baleirado sanitario nas súas explotacións .

A deputada do BNG Sonia Vidal defendeu este xoves o uso de probas “máis específicas e menos sensibles” nas campañas de saneamento do gando coa finalidade, explicou, de “detectar menos casos dubidosos que non se corresponden coa presenza de tuberculose e que rematan en matadoiro de xeito innecesario”.

Sonia Vidal participou na Comisión 6ª da Cámara para preguntar ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros Guinarte, sobre as previsións da Xunta no que atinxe ao uso de probas comparadas nas campañas de saneamento gandeiro, una iniciativa que aproveitou ademais para propor o desenvolvemento dun plan efectivo que controle o tránsito de animais entre comunidades con menor garantía sanitaria que Galiza “dotando esas entradas, de ser o caso, de total seguridade para os nosos gandeiros antes de que se produzan”.

A deputada do BNG levou á comisión parlamentaria a “preocupación” dos gandeiros que se ven obrigados a sacrificar todos os seus animais, estean sans ou non, como consecuencia dun baleirado sanitario ao que están obrigados se un dos seus animais da positivo no matadoiro.

Vostedes saben o que significa para unha persoa sacrificar todos os seus animais, que aparentemente están sans e sen que ninguén lles asegure que sexa o contrario? Sabe o que significa iso psicoloxicamente?”, preguntou a deputada nacionalista para poñer de relevancia que o baleirado sanitario non só implica un enorme prexuízo económico para as gandeiras e os gandeiros, senón tamén un gran impacto emocional.

Sonia Vidal subliñou que as campañas de saneamento foron as que permitiron erradicar practicamente a tuberculose bovina no gando, permitindo que Galiza fose declarada zona de prevalencia 0 no 2022. Explicou, neste sentido, que as campañas realizadas permitiron identificar animais infectados e así “chegar a erradicar a enfermidade no gando mediante probas sinxelas que podían dar positivo no animal e confirmalo mediante unha proba comparada e así non sacrificar animais sans que por moitas causas como algo tan sinxelo como a picadura dunha mosca pode dar positivo.”

Esta proba comparada, explicou, non se permite nestes momentos, o que significa que “se un animal da positivo mándase a sacrificar, e si no matadoiro da positivo, entón faise o baleiro sanitario”, explicou, coas consecuencias “ruinosas” que iso pode supor para as explotacións.