BNG defende un sistema fiscal xusto que permita blindar os servizos públicos fronte ao pelotazo fiscal do PP
A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, definiu a homenaxe ás mártires de Nebra como un acto de lembranza ás mulleres que se rebelaron contra os impostos abusivos do concello de Porto do Son da época, un recoñecemento ao papel das mulleres que tantas veces ao longo da historia lideraron a loita contra os abusos do poder.
Cen anos despois dese acontecemento, mutatis mutandis e pese a todos os cambios, “segue a ser necesario reivindicar xustiza social nos impostos fronte a forzas políticas que, como o Partido Popular, fai rebaixas fiscais aos ricos, como a redución do imposto do patrimonio que supón deixar as arcas públicas sen 34 M€ tan necesarios para financiar os servizos públicos, máxime nun momento de crise”, destacou Rodil na súa intervención en Porto do Son, “son recursos que permitirían contratar máis persoal médico ou máis profesoras e profesores no ensino”.
Reclamar unha fiscalidade xusta, “pola que pague máis quen máis ten”, indicou Rodil, segue a ser unha demanda que está en plena vixencia, “para ter un sistema impositivo progresivo que permita recadar o necesario para blindar os servizos públicos e para garantir os dereitos sociais nun momento de descontrol de prezos que está empobrecendo á maioría social”.
Por iso, o BNG defende unha reforma fiscal “pensada para o 99% dos galegos e das galegas e non para unha minoría formada polos que máis ricos, que é para a que goberna o PP”, denunciou a viceportavoz parlamentaria.
No acto de homenaxe, Rodil fixo un alegato a favor da memoria de mulleres que, como as mártires de Nebra, protagonizaron unha historia de loita social. “Facer memoria como galegas, como mulleres e como traballadoras”, destacou, lembrando á feminista alemá Louise Otto Peters cando dicía que “as mulleres serán esquecidas se elas (se nós) esquecemos pensar sobre nós mesmas”.
Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal e Rosa Cadórniga estaban naquela mobilización “para defender o que era seu, a súa casa, as súas vidas”, e por iso foron asasinadas un 12 de outubro de 1916 cando máis de 400 persoas se manifestaban contra uns abusivos impostos cos que o Concello de Porto do Son decidira pagar a débeda que tiña coa Deputación da Coruña.
A de Nebra non foi unha loita illada, senón que tamén se deu noutros concellos nun momento de mobilizacións contra os foros, contra os impostos, contra a apropiación da fariña e do cereal para a especulación das elites. “As líderes da fame erguéronse contra aqueles que estaban privando as súas casas dos alimentos e dos recursos aos que tiñan dereito”, lembrou Rodil, “e facíano contra o poder político nunha sociedade patriarcal e machista que relegaba e privaba ás mulleres e ás traballadoras de dereitos”.
Pero tamén hoxe “os gobernos, especialmente o do PP na Xunta, aplican políticas que empobrecen ás maiorías sociais mentres outorgan regalos fiscais a unha minoría rica, denunciou. A política fiscal debe servir para construír unha sociedade xusta e os recursos dun País, -ríos, vento, monte, mar-, para beneficiar á maioría social, “e non poden estar ao servizo de catro multinacionais amigas do PP”, concluíu Rodil, nun acto con militantes e simpatizantes, no que tamén participaron Santiago Suárez e Balbino González, portavoz municipal en Porto do Son.