O BNG defende que o sector pesqueiro sexa referente na negociación e xestión dos fondos europeos de reconstrución
O BNG expresa o seu compromiso con que os fondos europeos de reconstrución inclúan os sectores produtivos galegos, en concreto o eixo mar-industria para elaborar solucións acaídas aos problemas sociais, económicos e sanitarios causados pola pandemia do coronavirus. Así o subliñaron a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; as deputadas e deputado no Parlamento Galego, Rosana Pérez, Carmela González e Daniel Castro, tras o encontro que mantiveron coa directiva da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), encabezado polo seu presidente, Javier Touza.
“Para nós é prioritario que a pesca como sector estratéxico xeral sexa un dos receptores deses fondos europeos de reconstrución”, salientou Ana Miranda, quen explicou ademais que unha das propostas do BNG consiste na convocatoria dunha reunión de traballo co sector de pesca e industria para escoitar as súas propostas e que estas poidan ser receptoras dos fondos europeos, entre as que pode figurar a Cidade do Mar. A portavoz do Bloque en Europa criticou ademais a ausencia do goberno galego na preparación dunha estratexia que teña en conta o sector pesqueiro, a investigación mariña, así como a industria derivada. “Parécenos esencial facer esa presión para que o sector do mar teña recepción deses fondos e vaian dedicados ao sector produtivo en toda a cadea produtiva, e non as empresas do IBEX”, indicou.
Consecuencias do Brexit
Ana Miranda tamén explicou que a preocupación do sector pesqueiro polas negociacións do Brexit e o seu impacto en Vigo foi outro dos temas tratados pola delegación do BNG coa directiva de ARVI. Neste sentido apuntou as consecuencias que estas negociacións terán nas empresas do sector debido a “indefinición legal que hai nestes momentos” que vai afectar non só á entrada nas augas, senón tamén no impacto en Malvinas e no sector da comercialización.
“Esiximos que o goberno español e o goberno galego se movan rapidamente para paliar as consecuencias que vai ter a segunda fase, que se inicia en xaneiro de 2021, que pode excluír das augas británicas, nomeadamente no Gran Sol, a moita frota pesqueira galega”, manifestou Miranda, quen considerou fundamental que o sector teña acceso a esas augas. Neste sentido expresou o compromiso do BNG a trasladar novamente esta demanda nos distintos parlamentos.