BNG defende a rexeneración e recuperación das augas nas comarcas da Baixa Limia e a Terra de Celanova
Rego reclama garantir a conexión da telefonía móbil e a fibra óptica e todo o territorio como elementos que axuden a fixar poboación nas zonas máis envellecidas e que perderon máis poboación
Aposta por desenvolver políticas verdadeiramente sociais no proxecto de Orzamentos do Estado para 2023 a través da suba das pensións mínimas
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas nos Orzamentos do Estado para a comarca de Terra de Celanova e a Baixa Limia poñendo o foco no saneamento do río Arnoia, e os seus afluentes, a través dun plan de avaliación e restauración ambiental das súas augas, así como garantir a cobertura da telefonía e fibra óptica. A frente nacionalista tamén reclamará a suba das pensións mínimas, tan estendidas en Ourense, como un das principais medidas rexistradas en forma de emenda en materia de política social.
A organización nacionalista presenta unha emenda para que o Goberno do Estado, en concreto o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, realice un plan de avaliación e restauración das augas do río Limia na comarca da Baixa Limia. “Debe deseñarse un plan para detectar e frear a contaminación das augas, así como restaurar as condicións para o desenvolvemento da fauna e a flora do propio entorno” explica.
“Tamén rexistramos unha emenda para realizar un proxecto para o saneamento do río Arnoia co obxectivo de alcanzar un bo estado ecolóxico das masas de auga e garantir a súa calidade para que se poida destinar ao consumo humano” indica Rego.
Paralelamente, demanda a recuperación das ribeiras do Arnoia no tramo A Merca-Arnoia ao seu paso tamén polos municipios de Celanova, Ramirás, Cartelle, Gomesende e Cortegada. “O plan procura acondicionar os espazos fluviais en consonancia cos valores ambientais e patrimoniais posibilitando un uso público” destaca. En opinión do deputado nacionalista, este proxecto de recuperación serviría para recuperar o dinamismo económico a través de actividades vinculadas a un turismo sustentábel e de custodia do territorio, nunha comarca especialmente afectada polo envellecemento e a perda de poboación.
“Defenderemos a rehabilitación urbana e residencial do casco vello sur de Celanova. Esta perda de poboación afectou ao casco vello que, nos últimos anos, empeorou o estado dos edificios, os elementos arquitectónicos e comunitarios singulares como os soportais e a fonte da Praza do Millo, o lavadoiro e a actual Casa da Música -antigo matadoiro- ou o entorno da capela da Encarnación nas airas” afirma o portavoz municipal do BNG no Concello de Celanova, Leopoldo Rodríguez. A actuación e rehabilitación destes espazos públicos, apunta Rodríguez, permitiría atraer novo comercio para que se asente na zona, así como a posta en valor do centro histórico monumental.
Garantir a conexión e a formación dixital
Ante a perda de poboación constante e un envellecemento como nas comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova, a organización nacionalista rexistra unha emenda para mellorar a conexión dixital e o despregamento territorial inclusivo para fixar poboación, así como desenvolver a economía local. “Alén do máis, propomos un plan de formación en competencias dixitais para garantir o acceso de toda a poboación aos servizos básico como un dos atractivos que permitan fixar poboación e desenvolver a economía local” subliña Rego.
Despregar políticas verdadeiramente sociais
Rego reclamará garantir o financiamento a 50% da Lei de Dependencia, unha política tributaria máis xusta, apostar polas políticas públicas en materia de vivenda e, mesmo, facilitar o acceso a produtos de primeira necesidade a través da baixada dos prezos. Medias, todas elas, que contribuirían a paliar a crise económica e social provocada pola suba desproporcionada dos prezos.
No relativo ás pensións, a organización nacionalista demanda a suba das pensións mínimas, até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional -ambos co obxectivo de que cheguen a 60% do Salario Medio- para superar as dúas fendas existentes: a territorial e a de xénero. Se isto se fixese, un dos territorios que se vería máis beneficiado sería Ourense posto que, na actualidade, é dos que posúe pensións máis baixas, por debaixo dos 900 euros, moi lonxe -a 700 euros- da provincia coa media das pensións mínimas máis altas.