BNG defende recuperar os cantís de Tanxil-Pedra Vixía-Tronco e urxe o Goberno a actuar
Ante os desprendementos e corrementos de terra e pedras, Rego demanda ao MITECO e a Costas “actuacións inmediatas” para garantir a seguranza das persoas
“O Goberno debe atender as demandas do concello e a veciñanza e deseñar un proxecto integral de recuperación dos cantís” sinala Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o MITECO, a través da Demarcación de Costas, tome medidas que permitan reducir o risco na seguranza para as persoas despois de varios desprendementos e corrementos de terra, un perigo que pode verse incrementado despois da tala de árbores na zona. Así mesmo, o BNG demanda a Transición Ecolóxica deseñar un proxecto integral para a recuperación dos cantís de Tanxil – Pena Vixía – Tronco dotado dos recursos necesarios para evitar novos derrubamentos.
O Ministerio de Transición Ecolóxica decidiu, recentemente, levar a cabo unha tala de árbores en Tanxil. Unha intervención, en opinión da organización nacionalista, que pode agravar a situación e provocar novos desprendementos de terras e pedras, como os que xa se teñen producido e que ocuparon o paseo marítimo en distintos puntos. Foi precisamente este perigo o que supuxo a necesidade de cortar o acceso ao tráfico e ás persoas viandantes en puntos de Tronco.
“O Goberno do Estado e, no concreto, o MITECO a través da Demarcación de Costas debe levar a cabo actuacións que permitan consolidar o terreo e evitar os derrubamentos que aínda a día de hoxe seguen a pór en risco a seguranza das persoas” afirma Rego. A actuación nesta área, sinala o deputado do BNG, é cada vez máis urxente e necesaria.
En opinión do deputado nacionalista, o Goberno debe atender as demandas da veciñanza e “adoptar á maior brevidade” as accións necesarias para evitar riscos para as persoas e lograr a recuperación desta área da costa. “A Demarcación de Costas debe deseñar un proxecto integral de recuperación dos cantís de Tanxil e Tronco, dotado dos recursos necesarios, ademais de facer un adecuado seguimento e inspección deste tramo mentres non se levan adiante as accións de recuperación e consolidación, especialmente onde se produciu a tala de árbores que, en principio, axudaban a soster o terreo e evitar así novos derrubamentos” asevera Rego.