BNG defende que Galiza teña selección nacional en todas as disciplinas deportivas e poida competir internacionalmente
Pontón e Miranda desfrutan o partido da selección galega de fútbol con Panamá e piden converter en normal un encontro que aínda é excepcional
“A Irmandiña represéntanos a todos e a todas”, proclama a líder do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, asistiron en Balaídos ao partido Galiza-Panamá, un encontro que cualificaron de “moi emocionante” despois de tantos anos sen poder desfrutar da Irmandiña e que pediron converter en normal cando a día de hoxe segue sendo unha rareza ou algo excepcional.
“Tivemos que esperar oito anos para poder asistir a un partido da nosa selección e no BNG queremos converter a excepción en regra e que Galiza teña selección nacional de fútbol e seleccións nacionais en todas as disciplinas deportivas”, indicou Pontón, convencida de que este é un sentimento compartido polo conxunto da sociedade galega.
A líder nacionalista defendeu que as seleccións galegas poidan participar e competir con normalidade dentro e fóra de Galiza e, polo tanto, poidan acudir a competicións internacionais como fan as seleccións doutras nacións sen Estado como Gales ou Escocia, algo que tamén se reclamou na manifestación previa ao partido convocada pola plataforma Vía Galega en defensa da oficialidade das seleccións galegas deportivas, que tamén secundaron Pontón e Miranda.
Ámbalas dúas amosaron a súa felicidade e emoción por poder asistir a un encontro que cualificaron de “gran xornada” para o fútbol galego e que consideraron unha ocasión para tamén compartir un “sentimento de unión, orgullo e ilusión” arredor da selección. “Hoxe a Irmandiña represéntanos a todos e a todas, sintamos como sintamos o feito de ser galegos e galegas”, afondou Pontón.
Antes do inicio do partido, a portavoz nacional do BNG desexou un gran encontro a todos e cada un dos integrantes dunha selección de gran nivel, con Iago Aspas e Lucas Pérez como grandes referentes. “Hoxe é un día moi emocionante, estamos aquí para apoiar á nosa selección, para desfrutar do espectáculo e co desexo de que gañe Galiza”, concluíu.
Pola súa parte, Miranda celebrou o momento “festivo e histórico” do partido e recalcou o apoio do Bloque á selección galega en todas as disciplinas deportivas e en todas as categorías, “tanto masculinas como femininas”.
A candidata nacionalista ao Parlamento Europeo tamén exemplificou nas seleccións doutras nacións sen Estado en Europa a capacidade que ten a selección galega para competir con normalidade internacionalmente.
Logo de recordar o apoio que o BNG presta ao deporte de base e á selección galega en todas as disciplinas deportivas, Miranda defendeu o recoñecemento da oficialidade das seleccións galegas xa que, concluíu, “sería un símbolo como nación”.