Parlamento Galego

BNG defende a prórroga da moratoria do eucalipto e propón convertela en gran panca de cambio dunha nova política forestal

Montse Valcárcel

Montse Valcárcel aposta por camiñar cara un verdadeiro uso multifuncional do monte poñendo límite ao monopolio e a degradación dos bosques galegos

O eucalipto pasou de ocupar 131.000 ha no 1973 a máis de 413.000 hoxe en día, malia que o Plan Forestal galego de 1992 fixaba o máximo en 245.000 ha

A deputada do BNG Montse Valcárcel defendeu no Pleno do Parlamento a prórroga ata o 2030 da moratoria sobre novas plantacións de eucalipto, que remata en 2025, e propuxo converter esta medida nunha “gran panca de cambio” para unha nova política forestal baseada nun “verdadeiro” uso multifuncional dos montes, “cunha industria forestal-industrial potente, diversificada, sostible e respectuosa coa nosa natureza e o propio País”.

No transcurso dunha interpelación á conselleira de Medio Rural, María José Gómez, a deputada nacionalista avogou así por unha actuación decida que inclúa a prórroga e outras medidas complementarias para poñer límite ao crecemento desta especie, que en cincuenta anos pasou de ocupar 131.000 hectáreas en Galiza (ano 1973) ás máis de 413.000 de hoxe en día, cifra que supera considerablemente as 245.000 ha que fixaba como máximo o Plan Forestal Galego, de 1992.  

Unha actuación que, proclamou, precisa dunha actuación “clara e decidida” da Xunta e do convencemento das asociacións produtoras e transformadores, e sobre todo, da gran maioría da sociedade galega “para dicir abonda xa ao monopolio e á degradación e destrución dos nosos bosques e montes e dicir si a un verdadeiro uso multifuncional dos montes”.

“O que fagamos agora determinará o futuro”, advertiu, alertando do risco de non facer nada contra a propagación dunha especie que, como monocultivo, ten consecuencias nocivas.  “Degrada o solo, intensifica a perda de materia biolóxica na terra, axuda a unha rápida propagación do lume en caso de incendio e deixa balances hídricos negativos”, explicou, aludindo a continuación a outros “danos colateriais en ecosistemas lindeiros” como a chegada de sedimentos ás concas fluviais tras a tala das plantacións ou ao seu funcionamento como “unha especie de herbicida sobre a superficie boscosa e a comunidade microbiana”.

Montse Valcárcel considerou necesario diferenciar o valor e o prezo que o eucalipto ten en Galiza e, neste punto, advertiu que “non existe ningunha alternativa a esta especie que non teña un custo e sen alternativa imos de cabeza a un desastre ecolóxico”.

No transcurso da súa intervención, destacou tamén que a perda de biodiversidade é un aspecto relevante na mudanza climática que vivimos, unha das cuestións polas que é preciso acoutar as plantacións de eucalipto que, de xeito “nítido e preocupante” teñen un gran impacto ambiental, tal e como apuntan os estudos científicos.

“No monte poden ter cabida todas as especies, pero de forma ordenada”, proclamou a deputada, subliñando neste sentido que “no monte existe unha economía social máis aló da produción madereira”. Recalcou, neste punto, que tras décadas de abandono das zonas de cultivo, a extensión ocupada polo mato e o eucalipto é hoxe maior que a superficie agraria útil (SAU), “e manter cultivos agrarios serviría para ter áreas de discontinuidade e, polo tanto, control dos lumes forestais”.  

Valcárcel lembrou que a masa forestal representa na actualidade máis do  60 % do territorio galego, unha cifra moi superior á media do Estado español e á media dos países da Unión Europea, que é algo máis do 38 %.

As plantacións galegas de eucalipto supoñen o 54,3 % do total do Estado e o 27,5 % do conxunto do continente europeo, malia que, xunto á Península Ibérica, só hai eucalipto en Italia (70.000 h) e Francia (10.000).  Ademais, tal e como destacou Valcárcel, a superficie ocupada por esta especie de crecemento rápido supera en Galiza a extensión doutros estados considerados grandes produtores, como Chile (232.000 hectáreas), Uruguai (217.000), Nova Zelandia (150.000), Sudáfrica (100.000) ou China (48.000).

Evitar o efecto chamada para plantacións ilegais

Ademais da ampliación da moratoria ata o 2030, que Valcárcel defendeu decidir xa para evitar o “efecto chamada” do 2021 e a proliferación de plantacións ilegais, o BNG considera urxente implantar medidas de conservación activas e sostibles para protexer os ecosistemas naturais e promover a biodiversidade para os espazos protexidos, onde o eucalipto avanzou a gran velocidade nos últimos anos.

A iniciativa nacionalista considera así mesmo urxente a redución gradual da presenza do eucalipto en terras agrarias forestadas ilegalmente, zonas de protección de augas, zonas de protección do patrimonio cultural, zonas de protección de infraestruturas e zonas de protección de costas.  

Ademais, o Bloque defende a reconversión de terreos forestais con plantacións de eucaliptos nas que esta especie non ten aproveitamento produtivo ou poden ter outra vocación, unha medida que debe impulsar o Goberno galego nas máis de 300.000 hectáreas de montes que xestiona mediante convenios, consorcios e outras figuras.