BNG defende no Pleno a ampliación da Rede Natura cun novo modelo de xestión medioambiental que coide das persoas e o territorio
O BNG propuxo no Pleno sentar as bases dun novo modelo de xestión medioambiental que amplíe a Rede Natura e o territorio e especies protexidas de fauna e flora en Galiza fronte os 14 anos dun Goberno do PP “só exitoso en poñer Galiza á cola dos territorios con espazos protexidos a nivel español”, denunciou o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará.
“Estamos a anos luz das esixencias dos acordos internacionais, como o acordo de Montreal, que establece un mínimo de 30% de protección do territorio, Galiza está só nun 12%”, criticou o deputado do Bloque, que explicou a alternativa “ecolóxica, sustentable, diversa e de futuro” da formación nacionalista mediante tres liñas de actuació: conservación, recuperación e dinamización.
No referente á conservación da biodiversidade, “temos unha rede de espazos naturais insuficiente e mal estruturada”, argumentou Bará, que impeleu á Xunta a recuperar persoal, “ e tamén a dirección de parques naturais, non se creou ningún novo desde 2002”. Neste eido a prioridade do BNG é a ampliación da Rede Natura. Neste sentido, a USC, mediante encargo da Xunta, establecera no 2008 as bases para cumprir esta meta “cuns obxectivos mínimos do 15% no 2012 e no 18% no 2018. O PP só tramitou a ampliación da Rede Natura por mandato da UE e gardouna nun caixón pola presión dos lobbys que gobernan o Partido Popular”, recriminou o portavoz de Medio Ambiente á bancada Popular.
Neste punto, Bará quixo facer referencia ao papel “da conselleira das portas xiratorias, a señora Beatriz Mato” que en xuño de 2017 declaraba que xa se dispoñía dunha cartografía e identificación deses hábitats, “mais pasaron seis anos e estamos agardando e mentres aprobaron un plan director da Rede Natura que non cumpre os mínimos”, acusou a un PP “xa instalado na desobediencia e no desacato á Comisión Europea, que lles di que o seu plan director non cumpre os mínimos”, remarcou.
Outro dos eixos da axenda do BNG para un Goberno da Xunta “máis ecoloxista” é a recuperación do ecosistema natural, “só tres especies en Galiza constan de plans de recuperación e preservación, como éo caso da Píllara das Dunas”, criticou sobre unha política “que garda nun caixón os 35 plans elaborados no ano 2008 que custaron millóns de euros e están gardados nun caixón”, dixo dun Goberno do PP “que non protexe ás especies ameazadas ou o ecosistema, só protexe aos depredadores”.
Dentro desta recuperación medioambiental está tamén a mellora dos espazos actualmente degradados “como as turbeiras e que sexa eficaz grazas á custodia do territorio”, emprazou o parlamentario nacionalista. Actualmente estas custodias “só funcionan co voluntarismo e asociacionismo das entidades ecoloxistas e das comunidades de montes, temos o compromiso de chegar a dez mil hectáreas de superficie baixo custodia”, declarou, fito que se levará ao cabo “mediante un plan de apoio aos bosques maduros, de ribeira e humidais, coa eliminación de hectáreas de eucaliptais en espazos protexidos”, anunciou.
Por último, Bará explicou o terceiro dos eixos de actuación, a dinamización social e económica, “porque os espazos naturais non poden ser museos nin reservas”, emprazou. Obxectivo que se pode acadar, defendeu, mediante a mobilización de ata cen millóns de para medidas de conservación, custodia e dinamización socioeconómica, de feito, “cada euro gastado en espazos protexidos multiplica por sete os seus efectos”, aportou.
“Queremos poñer no centro da axenda de goberno a axenda ambiental. Queremos que os espazos ambientais formen parte da marcas que supón Galiza, que sexan referentes de biodiversidade e riqueza”, concluíu o portavoz de Medio Ambiente “para deixar atrás 14 anos de desleixo e maltrato da biodiversidade”, en alusión “a un novo tempo, de coidado das persoas e do planeta”. Propostas tombadas polos votos negativos da maioría do PP.