O BNG defende no Parlamento unha Lei específica de apoio ás familias monoparentais rexeitada polo PP
O obxectivo era visivilizar, normalizar e acabar coa discriminación deste tipo de fogares, con medidas no ámbito fiscal, vivenda ou educativo
O BNG defendeu no Parlamento elaborar unha Lei galega de recoñecemento e apoio ás familias monoparentais, que en Galiza suman 110.000 fogares, -un 10,4% do total- , o 70% liderado por mulleres segundo datos IGE de 2016, que a día de hoxe son discriminadas tanto desde o punto de vista legal como social.
A proposición de lei do Bloque pretendía avanzar na visibilización e normalización deste tipo de familias “unha opción tan lexitima como a familia hetereopatriarcal con base á división sexual do traballo, que reforza un liderado masculino e sitúa os modelos diferentes como inferiores”, salientou a deputada Noa Presas, autora da proposta lexislativa, quen agradeceu o apoio e o traballo da Federación de nais solteiras por elección.
Presas recalcou a obriga de avanzar nunha visión máis ampla para abarcar todas as familias que existen na nosa sociedade, e as institucións deben ser as primeiras en recoñecer esa pluralidade.
Neste sentido, a proposición de lei do BNG inclúe no título primeiro unha definición extensiva do concepto familia monoparental para incluír tanto a situación de monoparentalidade por causa sobrevida como a monoparentalidade de orixe, por libre decisión. “Son unha opción máis, lexítima e en aumento, froito dunha decisión consciente de crear un fogar de forma individual e autónoma”, subliñou Presas, “pero discriminada por anos de preeminencia social e legal do modelo tradicional e tamén pola desigualdade da muller na nosa sociedade”.
De cara a ese recoñecemento, a proposta lexislativa incluía crear un carné e un rexistro único para as familias monoparenteais e a realización dunha investigación bianual que aporte datos cualitativos e cuantitativos.
O título segundo recollía unha batería de medidas de apoio en diferentes ámbitos, como axudas económicas que deben ir máis aló dos casos de extrema necesidade, para recoller “criterios realistas e razoábeis”. Coa situación económica do país, as familias monoparentais son un sector da poboación cunha alta vulnerabilidade, de feito o informe de 2017 pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza sinala que un 53,3% dos fogares monoparentais están situados por debaixo do limiar de risco de pobreza e exclusión social.
Garantir a prioridade no acceso a prazas educativas de até tres anos require recursos, e propón ampliar a Rede de Escolas Infantís e que a Xunta aumente 8.000 prazas públicas nos próximos 3 anos. “Un exemplo de que apostar polas monoparentais vai favorecer a todas”, indicou Presas.
Programa específico de alugueiro
En educación primaria e secundaria “hai que ir máis aló da preferencia para escolla de centro, e priorizar estas familias no acceso a todo tipo de servizos, tamén extraescolares, comedor, madrugadores”, explicou a deputada. E, no ensino superior, bolsas de estudo para que “ser fillo ou filla dunha familia monoparental non sexa un hándicap para chegar á universidade”.
O Bloque tamén propuxo medidas de apoio en materia de vivenda, cun programa de aluguer específico para este colectivo de familias e medidas para evitar cortes no subministro de servizos básicos como auga, luz e gas, “tendo en conta que o 51% das mulleres dunha familia monoparental está desempregada”.
Igualmente, medidas fiscais para evitar que este tipo de fogares sexan discriminados na declaración da renda, reducións no tramo autonómico do IRPF e equiparar dereitos no coidado dos e das fillas en caso de hospitalización. Finalmente, a proposición de lei do Bloque inclúe propostas para combater a superación de prexuízos sociais contra as familias monoparentais.
O veto do PP impediu a toma en consideración da iniciativa lexislativa do grupo nacionalista, que avanzou que seguirá traendo a problemática dos fogares monoparentais ao Parlamento.