O BNG defende no Parlamento as reclamacións da Plataforma de afectad@s por Hepatite C

A plataforma reivindica o fármaco que permitirá vivir aos afectad@s

Os grupos parlamentarios do BNG,PSdeG, AGE e Mixto mantiveron hoxe unha reunión coa Plataforma galega de afectados por hepatite C na que mostraron o seu apoio á reclamación dun tratamento con fármacos de nova xeración para tod@s os enferm@s afectados por esta doenza e asumiron a Proposición non de lei con esta reclamación.

A deputada e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado asegurou que esta forza política permanecerá “ao lado” dos afectad@s para que sexan atendidos. “Non podemos permitir, reiterou, que habendo unha medicación axeitada sexa negado o seu acceso”.

 Criterios médicos fronte a criterios economicistas

Asemade, recalcou que “ é necesario que primen os criterios médicos e non económicos” polo que pediu un cambio de política que posibilite o tratamento no sistema público.

Montse Prado confirmou o apoio do BNG ás reivindicacións da plataforma reflectidas na Proposición non de lei que será presentada por esta forza nacionalista no Parlamento galego para instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza a garantir ás novas terapias contra a Hepatite C (VHC) e tomar medidas que permitan dispensar nas farmacias hospitalarias as medicacións prescritas polos facultativos do Servizo Galego de Saúde de “maneira inmediata”.

A plataforma reivindica o fármaco que permitirá vivir aos afectados

Pola súa parte, Quique Costas, portavoz da plataforma denunciou que tras a aprobación do Sofosbuvir, un antiviral de acción directa e de eficacia recoñecida nun 95% sobre o VHC a principios do ano 2014, a ex-ministra Mato anunciou que o Ministerio acadaría un acordo co fabricante para que en outubro os médicos puideran dispoñer do medicamento en toda España. A día de hoxe, dixo, Costas, seguimos escoitando anuncios, “ catro en dúas semanas” cando estamos a falar de “curar ou deixar morrer á xente”.

Neste sentido, lembrou o novo anuncio do ministro de Sanidade Alfonso Alonso de crear unha Comisión de expertos para elaborar un plan estratéxico nacional contra a Hepatite C que o portavoz da plataforma cualificou de “anuncio opaco para despistar a opinión pública”. Nós, “non contamos con tempo” para agardar polas conclusión” da comisión. “Esiximos que nos curen Xa”.

O tempo que nos pide o Goberno , non o temos

Nesta mesma liña pronunciouse Xulia Alonso, membro da Plataforma que defendeu un sistema sanitario público “que pagamos todos e todas cos nosos impostos”.

Alonso pediu respecto ao Goberno do Estado para @s afectados por esta doenza e defendeu o traballo da plataforma como resposta “á inactividade” do Goberno. O tempo que nos piden, concluíu, “non o temos”.