O BNG defende no Parlamento crear o Instituto Galego de Crédito e Investimento

Carme Adán reclama a figura de "persoa consumidora vulnerábel"

O Partido popular votou en contra da Lei nacionalista por entender que as funcións do novo Instituto están asumidas actualmente polo IGAPE

Pleno-. A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán defendeu hoxe na Cámara galega, unha Proposición de lei para crear o Instituto Galego de Crédito e Investimento destinado a impulsar o crédito ás empresas con dificultades de acceso o financiamento.

Adán lembrou que recentes estudos revelan que as empresas produtivas padecen restrición de créditos ao longo dos últimos lustros e esta circunstancia afecta en grande medidas ás pequenas e medianas empresas que precisan con urxencia un instrumento financeiro que garanta o seu futuro.

Instituto de Crédito, primeiro chanzo para unha Banca Pública galega

A parlamentaria asegurou que a lei nacionalista dota a Galiza dun novo instrumento que permitiría financiar o desenvolvemento de novas actividades nos diferentes sectores produtivos o que sen dúbida algunha, incrementaría a “nosa capacidade de decisión” xa que na actualidade as empresas galegas están sometidas a entidades financeiras con centros de decisión fora do noso país e guiadas, exclusivamente polo “interese de beneficios”.

A deputada criticou a ausencia na Cámara galega dos membros do Goberno que nin sequera asisten a un debate de calado económico importante para Galiza, ausencia que cualificou de “anomalía política do Partido popular”.

Na súa intervención explicou que a venda de Novagalicia Banco suporá para o comprador devolver 728 fronte ás axudas publicas que ascenderon a 8.828 millóns de euros, “hoxe xa non temos sistema financeiro de ningún tipo, nin público nin privado”, recalcou.

Podemos dicir que en Galiza, existen máis depósitos que créditos, pero tamén o maior descenso de crédito ás familias e empresas e a pesar de estarmos vivindo o momento de maior caída industrial.

A deputada relatou os indicadores relativos e absolutos dos diferentes sectores produtivos concluíndo que as conclusións “son alarmantes” debido a unha “dubidosa” xestión nas empresas e tras inxectar gran número de millóns de euros de fundos públicos.

O IGAPE, instrumento financeiro morto

O Igape é un Instituto, dixo, cunha “minguante” capacidade financeira, de aí que propoñamos a toma en consideración desta proposta para crear un novo Instituto, a modo dun ICO galego, que atenda ás necesidades das empresas de Galiza a través unha corporación pública galega.

Hai que abandonar a política de subvencións e camiñar cara a participación pública nas empresas, defendeu, porque miles de millóns de fondos públicos perdéronse en moitas empresas caracterizadas pola mala xestión e a perda de postos de traballo.

Finalmente, a deputada Adán lamentou o voto desfavorábel do Partido popular ao que acusou de non sentir interese polo impulso económico dos diferentes sectores produtivos galegos e de aceptar submisamente “a política” que lle dita o Goberno central dende Madrid”.