O BNG defende o naval galego ante Almunia

O BNG solicitou ao vicepresidente e comisario da Competencia da Comisión Europea, Joaquín Almunia, que "calquer que sexa o novo modelo de incentivos para o sector naval ten de garantir que os esteleiros galegos poden competir en igualdade de condicións cos esteleiros de calquer outro Estado membro da UE", demanda expresada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, ao comisario Almunia, na reunión celebrada na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo.

Miranda transmitiu ao responsábel de Competencia a "necesidade" de dar "unha resposta urxente" ao sector naval "que está en situación crítica", ao que Almunia respondeu que unha vez que o Goberno español presente a proposta definitiva, -até agora non existen máis que consultas previas-, a Comisión está en disposición de poder emitir unha valoración inmediata en menos dun mes. Neste sentido, quedou confirmado que o Goberno central non fixo chegar un texto definitivo para submeter ao criterio da Dirección Xeral da Competencia.

Ana Miranda demanda unha "resposta urxente" para un sector que está nunha situación crítica

Tras a reunión co comisario Almunia, o BNG conclúe que a Comisión suxire como alternativa ao tax-lease o modelo francés, co argumento de que ese modelo xa foi analizado e ten a garantía de que cumpre coas normas comunitarias en materia de competencia. Sen entrar a valorar porcentaxes, adiantou que o futuro sistema de incentivos deberá estar vinculados aos beneficios das empresas.

Miranda tamén abordou con Almunia o expediente apresentado contra o Estado español que paralizou a aplicación do tax-lease e, como consecuencia, freou a contratación de novos contratos de construción de buques. A eurodeputada nacionalista explicitou ante o comisario que "en ningún caso o sector pode asumir ningún tipo de sanción, posto que se limitou a facer uso dun sistema de bonificacións fiscais aprobado polo Goberno central", alegou a deputada.