O BNG defende limitar as plantacións de eucalipto e ordenar o monte para combater os incendios
Mini pregunta polas medidas do goberno tras os danos medioambientais provocados recentemente polos incendios de Dodro e Rianxo
O deputado do BNG, Xose Luís Rivas reclamou hoxe no Parlamento, a través dunha proposición non de lei, “modificar as normas” para limitar as plantacións de eucaliptos a unha superficie máxima sen discontinuidade a 25Has e unha ordenación das unidades forestais dependendo das especies en “mosaico” para evitar catástrofes mediomabientais como as acontecidas recentemente polos incendios rexistrados en Dodro e Rianxo.
Rivas tamén reclamou a obrigatoriedade de franxas de protección para facer fronte ao lumes e co fin de protexer as explotacións, vivendas e vida das persoas pero tamén extremar co coidado necesario para non “cortar carballos e árbores autóctonas” nestes labores.
Para o deputado, durante estes anos o Partido popular non aplicou políticas para reducir as plantacións de eucaliptos, máis ben foi, dixo, “manga ancha e tira” e engadiu que un gran número de concellos están permitindo “plantar onde non se debe”.
Rivas manifestou que todos os grupos políticos deben amosar “vontade” para acadar unha ordenación real do territorio en Galiza porque de continuar coa actual política será “un suicidio” para o noso país. A lei 3/2007 continua nunha gabeta dende o remate do goberno bipartito que foi retomada polo Partido popular na vaga de lumes do ano 2017 porque era a lei que precisabamos en Galiza contra os incendios pero o Partido popular utilizou a lei con algunhas medidas só “para lavar a cara”.
O nacionalista insistiu na necesidade de ordenar o territorio porque existen, explicou, “realidades diferentes por comarcas” e a uniformidade non ten ningunha xustificación. Día a día estamos perdendo a fertilidade dos nosos montes e todos os anos “arde tanta madeira como a que se corta”, esta situación é “insostible”, sentenciou.
Rivas alertou sobre o cambio climático e as graves consecuencias que está a provocar polo que volveu reclamar medidas e medios ao Goberno contra os incendios.
A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Xosé Luís Rivas foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.