BNG defende unha iniciativa para poñer en valor o legado do Seminario de Estudos Galegos aproveitando o seu centenario
Daniel Castro defendeu unha proposta que tiña por obxectivo “reconstruír a historia interna do SEG e reparar a ignominia á que o someteu o franquismo”
“O Seminario soñou Galiza desde a innovación, a ciencia e a investigación, como instrumentos de coñecemento e ‘convivio’ coa sociedade. No BNG tamén”
O deputado Daniel Castro foi o encargado de defender este mércores no Parlamento a iniciativa presentada polo BNG para poñer en valor o legado histórico do Seminario de Estudos Galegos a través dunha divulgación social expansiva aproveitando a celebración este 2023 do seu centenario, unha efeméride que debería servir tamén para “reconstruír a súa historia interna e reparar a ignominia á que o someteu a censura franquista”.
“Precisamos luz para avanzar cos pasos firmes da memoria de noso”, asegurou Castro para explicar o fin de “reparación e restitución xusta” da iniciativa do BNG que, entre outras cuestións, propón recuperar a institución Seminario de Estudos Galegos (comezando polo nome orixinal), iniciar un estudo que permita investigar e catalogar os seus fondos, promover un estudo que recupere o labor desenvolvido polas mulleres no seu seo ou realizar, da man de institucións como o Museo do Pobo, unha campaña de divulgación popular e recoñecemento da súa traxectoria científica, cultural e política.
Activar un plan de recuperación dos fondos do Seminario de Estudos Galegos que permitise o seu inventario, a unificación nun espazo único e o acceso público, demandando a devolución ou transferencia a Galiza “con obxectivo de reparar a dignidade do labor intelectual, cultural, científico, económico e político da extraordinaria xeración do Seminario” é outro dos puntos da iniciativa do BNG, rexeitada polo PP e na que tamén se propón condenar a destrución franquista da súa obra, así como a persecución e represión que sufriron homes e mulleres que forman parte del “e ás que debemos un legado histórico único”.
“A barbarie de 1936 vingouse do coñecemento e do saber. O golpe militar fascista e a conseguinte represión arrasaron con violencia o SEG, converténdoo nunha vítima máis do espolio fascista, con obxecto de anular a memoria de noso creada por este capital humano que axudou a nacer a investigación científica en galego e desde Galiza”, asegurou o deputado nacionalista.
Daniel Castro lembrou, neste sentido, que 19 dos seus membros foron asasinados (entre eles o editor Ánxel Casal, o xornalista Víctor Casas ou o artista Camilo Díaz Baliño), 31 exiliados (caso de Castelao, Rafael Dieste ou Portela Valladares) e 37 represaliados dun ou outro xeito (como Fermín Bouza Brey, Ricardo Carballo Calero ou Valentín Paz-Andrade).
Na defensa da iniciativa salientou, por outra banda, que o “monumental” fondo bibliográfico e a documentación científica recompilada durante anos polos equipos de traballo do Seminario foron confiscados ou destruídos pola censura franquista e que na actualidade eses fondos están depositados no Museo do Pobo Galego, pero tamén na Universidade de Santiago.
Hai outra parte do fondo, explicou, que se atopa no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, creado polo réxime franquista en 1943, adscrito ao CSIC e que desde 2000 é de titularidade compartida entre Xunta e Centro Superior de Investigacións Científicas, “que non se ten caracterizado por dar continuidade nin pór en valor o legado do SEG”. Un legado, agregou, que se sustenta no principio fundamental de “reivindicar o patrimonio vivo da xente desde un proceso investigador útil, implicado con país e na língua do país”.
“Investigar o pasado é fundamental para darnos continuidade”, sostivo Castro, lamentando a “negación dun tempo e dos esforzos de moita xente por facer avanzar a modernidade en Galiza desde o coñecemento”. “O SEG soñou Galiza desde a innovación, a ciencia e a investigación como instrumentos de coñecemento en convivio coa sociedade. No BNG tamén”, concluíu.