BNG defende o garantir o uso pleno do galego no Senado mentres o PP o continuar a atacar votando en contra
Carme da Silva: “Queremos rematar coa anomalía e avanzar no recoñecemento plurilingüe e plurinacional do Estado, máis nunha cámara como a territorial”
Os senadores e senadoras galegas do PP terán que darlle moitas explicacións aos galegos e galegas de por que seguen atacando a lingua do seu País, di a senadora
“Nin o Estado español nin a Xunta de Galiza aproban nos seus deberes en materia lingüística” denuncia da Silva sobre o Informe do Consello de Europa recen publicado
O BNG defendeu, xunto con outras forzas políticas, a proposta de modificación e reforma do Regulamento do Senado para poder utilizar plenamente todas as linguas oficiais do Estado e rematar coa anomalía democrática que supón que na “cámara territorial do Estado” se impida que os e as representantes públicas poidan realizar o seu labor parlamentario en galego. A senadora do BNG, Carme da Silva, foi a encargada de defender a iniciativa que tiña por obxectivo, tamén, avanzar no recoñecemento plurilingüe e plurinacional do Estado: “avance democrático”. A toma en consideración da Proposición de Lei, lamentabelmente, foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular, tamén os senadores e senadoras do PPdeG.
Rematar coa anomalía democrática, avanzar en dereitos
“Na cámara territorial non podemos expresarnos nas nosas linguas. Podemos falar nas mocións mais, no resto de puntos dunha sesión plenaria ou nas sesións de comisións está prohibido comunicarse en galego, catalán ou euskera” denuncia a senadora do BNG. Isto supón, evidencia Carme da Silva, unha verdadeira “anomalía democrática” e, máis aínda, cando isto supón que a cámara alta vaia por detrás do Congreso “no avance democrático do pluralismo lingüístico”.
Para rematar con isto, continúa, o BNG, xunto con outros grupos, impulsamos a Reforma do Regulamento do Senado co propósito de outorgar coherencia á cámara de representación territorial e avanzar na conquista de dereitos. “Somos un Estado plurinacional e plurilingüe e iso debería ter un reflexo real no Senado” apuntala da Silva.
De non recoñecelo, asevera, estaríase perpetrando que este Estado, no canto de ser “un exemplo de riqueza lingüística, un modelo de respecto ao patrimonio lingüístico e cultural e un orgullo pola nosa diversidade lingüística, o Senado móstrase como gardián das esencias máis centralistas e rancias”.
Da Silva, ao PP: “deixen de facer o canelo”
“Hai unha oportunidade, hoxe no Senado, de corrixir esta anomalía. No Congreso, cando se aprobou o uso de todas as linguas oficiais, que non pasou absolutamente nada negativo e demostróuselle á sociedade que o respecto polos dereitos lingüísticos e demóstraselle ao noso pobo que a súa lingua é igual de válida que o español” subliña.
Neste sentido, Carme da Silva apelou os senadores e senadoras do Partido Popular –con especial mención os senadores do PPdeG- a rectificar a súa “vergoñenta posición no Congreso” e que “deixen de facer o canelo”, en alusión ás declaracións do popular Borja Sémper. Lamentabelmente, o Partido Popular votou en contra da toma en consideración e a senadora nacionalista aproveitou para sinalar que os senadores e senadoras galegas do PP “terán que darlle moitas explicacións aos galegos e galegas de por que seguen atacando a lingua do seu País”.
Sobre o Informe do Consello de Europa
A senadora do BNG, durante a súa intervención, citou o informe publicado polo Consello de Europa a respecto das linguas minorizadas e o estado de saúde actual do galego. “Advirte dos problemas que hai para a educación en galego, imposíbel de 0-3, e prohibindo impartir aulas de matemáticas, tecnoloxía, física, etc.: unha aberración que lle debemos ao señor Feijóo e que traballaremos para cambiar” afirma Carme da Silva.
“Centros de saúde e asistencias onde se nega a atención en galego. A Administración do Estado en galego? Imposíbel. A Xustiza en galego? Absolutamente imposíbel” critica a senadora nacionalista preguntando tamén cando se restaurará a versión en galego do Boletín Oficial do Estado ante a inseguridade xurídica que isto supón. Tampouco existe, sinala, información sobre os dereitos das consumidoras e consumidores en galego. “Nin o Estado español nin a Xunta de Galiza aproban nos seus deberes en materia lingüística” finda.