BNG defende o dereito de Galiza a decidir en Europa con voz e con voto sobre os asuntos que lle afectan directamente
Pontón: “Ninguén mellor que nós para decidir sobre o noso, por iso reclamamos voz e voto na UE en todas as negociacións clave para o País”
Miranda anima a coller a papeleta do BNG o próximo 9X como “garantía de eficacia” na defensa dos intereses dos galegos e das galegas
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu o dereito de Galiza a decidir en Europa sobre todos aqueles asuntos que lle afecten directamente e que condicionan o seu desenvolvemento económico, con presenza directa nas mesas de negociación “con voz e con voto” e “sen intermediarios”.
“Ninguén mellor que nós para decidir sobre o noso, por iso reclamamos voz e voto en Europa en todas as negociacións que son clave para o noso País”, explicou xunto á candidata, Ana Miranda, nun acto sobre o dereito a decidir dos pobos co que o BNG iniciou en Noia a campaña das eleccións europeas.
Pontón exemplificou o dereito a decidir de Galiza no sector pesqueiro, onde ten unha das frotas máis importantes de Europa, conta cun dos portos máis importantes da Unión Europea, é unha zona altamente dependente da pesca, e dispón de 1.500 quilómetros de costa, unha realidade que contrapuxo á de Bélxica, que ten tan só 70 quilómetros de costa e unha mini-frota. “Sen embargo, nós non estamos sentados no Consello de Pesca e Bélxica si e cremos que hai que acabar con este sen sentido”, afirmou.
A líder nacionalista indicou que isto é posible tal e como xa se fai, por exemplo, coas Illas Feroe que, aínda que están integradas en Dinamarca, cando se negocian asuntos que afectan ao seu sector pesqueiro quen as representa non é o Estado danés, senón directamente o seu propio goberno no Consello de Pesca.
“Isto é o que queremos lograr dende o BNG, que Galiza non só teña dereito a ter voz nas institucións europeas, senón que teñamos tamén voto cando se tomen decisións que afectan ao presente e ao futuro nos intereses dos nosos sectores estratéxicos”, recalcou.
Dende Noia, un dos moitos portos pesqueiros e marisqueiros do País, a líder nacionalista apuntou ao sector do mar como un exemplo do “moito que se xoga” Galiza nas eleccións europeas e de como as decisións que se toman en Bruxelas afectan ás posibilidades do seu desenvolvemento económico.
Neste sentido, recordou que é na Unión Europea onde se decide sobre as cotas de pesca, sobre a renovación da frota galega, sobre os caladoiros nos que pode ou non traballar e tamén sobre as competencias en materia de marisqueo.
Por iso incidiu na importancia que o próximo 8 de xuño Galiza teña en Bruxelas voz propia, “ese escano galego do BNG”, dixo, pero tamén “unha voz que defenda que os galegos e as galegas tamén temos que ter voto en Europa”.
A portavoz nacional defendeu o dereito a decidir tamén sobre outros sectores produtivos estratéxicos para o País, negociando medidas que permitan xestionar os recursos propios en función dos intereses da cidadanía e para xerar riqueza e emprego en Galiza.
Por iso recalcou a necesidade de que os galegos e as galegas estean representados nas institucións europeas con voz, pero tamén con voto, para “poder negociar directamente sobre aqueles asuntos que son estratéxicos para o futuro do País” porque a experiencia demostra ademais que esta é “a única maneira eficaz” de defender os seus intereses.
“Isto tamén nolo xogamos o 9 de xuño”, indicou para concluír que “a única papeleta que garante a defensa da voz de Galiza, pero tamén do dereito do País a estar directamente en Europa é a papeleta do BNG”.
Nesta mesma liña se pronunciou Ana Miranda, quen sinalou aos problemas do sector pesqueiro galego como un dos moitos asuntos que que a formación nacionalista ten levado á Eurocámara, o que se comprometeu a seguir facendo logo da cita coas urnas do 9 de xuño.
Neste sentido, advertiu que as políticas da UE non tiveron en conta os intereses de Galiza e apuntou á Política Pesqueira Común ou á Política Agraria Común como exemplo de deseños comunitarios contrarios a calquera modelo de desenvolvemento para Galiza e onde as regras de xogo impostas desde Bruxelas só receitan o desmantelamento dos sectores galegos para que sexan outros os que produzan.
“Queremos vivir dos nosos sectores produtivos, non queremos unhas políticas que teñen como consecuencia un grave descenso da poboación, unha forte emigración xuvenil ou unha capacidade produtiva fortemente reducida”, afondou para explicar que só cunha voz forte en Europa, Galiza será quen de impulsar políticas pensadas para pór o País a producir.
Por iso, e logo de recordar que a do BNG é a “candidatura galega”, animou a coller a papeleta nacionalista o próximo 9 de xuño como garantía de eficacia na defensa dos intereses de Galiza a través dunha voz propia na Eurocámara, cun escano que servirá ademais para defender os sectores públicos e loitar contra o fascismo. “Por iso, votar BNG é garantir en Europa unha voz nacionalista e de esquerdas que defenda os intereses galegos”, concluíu.