O BNG defende a corresponsabilidade dentro e fora do fogar

Baixo o principio de igualdade, a deputada do BNG, Carme Adán reclamou un reparto equitativo entre homes e mulleres nas tarefas do coidado e reprodutivas e desenvolver campañas de sensibilización para fomentar a corresponsabilidade no ámbito familiar.

 No Día Internacional contra a violencia de xénero, o Partido popular vota en contra da toma de consideración da lei de Corresponsabilidade defendida pola deputada do BNG, Carme Adán, destinada a un reparto equitativo entre homes e mulleres das tarefas e coidado, dentro e fira do fogar.

 A parlamentaria comezou asegurando que sete de cada dez empresas novas en Galiza foron fundadas por homes, 60.000 mozas galegas emigraron dende o inicio da crise, mulleres cun traballo remunerado dedican unha media de máis de dúas horas máis que os homes a tarefas domésticas todos os días, aumenta a parcialidade e temporalidade da muller traballadora e a crise dispara a “exclusión social” entre as mulleres galegas, as excedencias para coidado de menores e dependentes recaen no 95% en mans de mulleres e as mulleres galegas gañan “unha media de 5.000 euros menos que os homes”, todo isto,dixo, son titulares extraídos da prensa deste mesmo ano.

 A día de hoxe, engadiu, o reparto dos espazos públicos e privados entre homes e mulleres segue sendo “desigual” e referiuse concretamente ao espazo económico ilustrando cunha fotografía, unha xuntanza do Consello empresarial para a competitividade integrada só por homes. Esta é a realidade, “un total esquecemento das mulleres” nos foros de decisión.

Sobre os tempos lembrou que as mulleres galegas dedican unha media de 4 a 7 horas ao día ao traballo doméstico fronte as 2, ou 2.30hs dos homes, “ese uso dos tempos non é equilibrado nin simétrico”.

 As políticas de Igualdade “non están de moda”

 A parlamentaria denunciou a “falta de recoñecemento social das mulleres” e utilizou como mostra as demandas nunha recente pancarta de mulleres ciclistas reclamando igualdade, tanto nos premios económicos como na organización das carreiras. Para Adán, esta é outra mostra da falta de visibilidade das mulleres e os seus dereitos porque as políticas de Igualdade, afirmou, “non están de moda” nin na axenda política quizais porque nun momento de contracción económica “queren que o mundo do fogar sexa gratuíto e de mulleres” e por iso cada día fálase menos de conciliación e corresponsabilidade.

 Pola súa parte, a portavoz do Partido popular,Rosa Oubiña anunciou o voto contrario á iniciativa nacionalista por considerar que a Lei de corresponsabilidade “non é necesaria” e non aporta nada novo.

 Adán recomenda aos deputados do PP que lean

Na réplica, Adán lamentou as palabras de Oubiña e recomendou ao grupo popular ler o informe de Impacto de xénero da Secretaría xeral de Igualdade e tamén a obra de Miguel Lorente, “Tú haz la comida que yo cuelgo los cuadros”.

 Adán concluíu a súa intervención reivindicando “unha política en nome feminino”.