BNG defende no Congreso o dereito a utilizar o galego na UNED
Néstor Rego reclama poder realizar as probas presenciais que se desenvolven nos centros sitos na Galiza en galego tal e como estabelece a Lei de Normalización Lingüística.
A formación nacionalista exixe ademais que se garanta a dispoñibilidade dos materiais didácticos en galego, así como no resto de linguas oficiais distintas do español.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado garanta o dereito das e dos estudantes a poder facer os exames da UNED das distintas materias de graos e mestrados en galego, cando menos naquels que teñan lugar nos centros asociados sitos na Galiza. Así mesmo, reclama que a páxina web e o resto de materiais didácticos da universidade poidan estar accesíbeis tamén en galego, e non só en español e inglés.
Neste mes de xaneiro van ter lugar os exames do primeiro cuadrimestre do curso 2021-2022, e van realizarse tamén nos diferentes centros da Galiza- A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra- así como nas aulas de Ferrol, Lalín, Vigo, Tui, Foz, Monforte, Viveiro e A Rúa de Valdeorras. Máis unha vez, os alumnos e alumnas que acudan a realizar as probas só poderán ter acceso ao exame en español e, de realizar igualmente o exame en galego, como é o seu dereito, deberán afrontar difíciles trámites posteriores para lograr a súa adecuada corrección. Debe lembrarse que a UNED, ao igual que o resto de administracións públicas, debe respectar na Galiza a Lei de Normalización lingüística, que no seu artigo 15 que o profesorado e o alumnado de nivel universitario “ten dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia”.
“A Lei de Normalización Lingüística non se está aplicando, todo alumno ou alumna da UNED na Galiza debera ter garantido o seu dereito para poder realizar os seus exames en galego” explica o deputado do BNG. Porén, ese dereito non se recoñece. “Os exames están dispoñibles, así como todo o material didáctico previo, unicamente en español, e nas distintas normativas que regulan o desenvolvemento dos exames nin tan sequera se menciona a posibilidade de realizalos en galego” enfatiza Rego.
Os organismos públicos, indica o deputado nacionalista, deberían estabelecer todas as medidas oportunas para facer normal o uso do galego no ensino universitario. De facto, a UNED asume como “misión fundamental o apoio ás linguas e culturas do Estado español”. Así o recolle no seu artigo 5 o Estatuto da universidade pública, onde tamén se compromete a incorporar de maneira progresiva as linguas oficiais distintas do español tanto na páxina web como nos recursos educativos aportados pola institución.
“Non se está progresando neste sentido, pois segue sen ofrecerse a posibilidade de facer as probas noutra de lingua oficial distinta do español, a páxina e a información da web só está dispoñíbel en castelán ou inglés e nos centros de Galiza o galego é testemuñal” denuncia Néstor Rego. Aínda con todo, e a pesar dos obstáculos e prohibicións, algúns alumnos e alumnas realizan as súas probas en galego exercendo o seu dereito a empregar a súa lingua no seu propio País, mais isto suporalle enfrentarse a múltiples trabas e unha auténtica odisea para conseguir que o seu exame sexa adecuadamente cualificado.
O Goberno, en opinión de Rego, debe garantir que a UNED respecte os “dereitos lingüísticos das súas alumnas e alumnos e estabeleza a posibilidade de realizas os exames das distintas materias de graos e mestrados en galego, así como no resto de linguas oficiais diferentes do castelán”. “Téñense que tomar todas as medidas necesarias para que tamén os materiais didácticos e os contidos das materias estean dispoñíbeis nas diferentes linguas” conclúe Rego.