BNG defende no Congreso a creación nas Pontes dun centro de I+D+i en almacenamento de enerxía
o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu na Comisión de Industria, Comercio e Turismo da cámara baixa a creación dun centro na Galiza para a competitividade e a I+D+i no almacenamento de enerxía, que se situaría nas Pontes. A iniciativa significaría abrir alternativas económicas e laborais ante o fechamento da central térmica das Pontes, mais contou co veto dos partidos que conforman o Goberno e o partido que goberna a Xunta de Galiza. Rego lamenta a falta de compromiso coa Galiza por parte dos partidos estatais ante propostas de futuro para Galiza.
A iniciativa do BNG buscaba garantir actividade económica nunha e vila e nunha comarca duramente castigada pola finalización da actividade de ENDESA. O deputado do BNG denunciou que nin o Goberno español nin o galego previron un plan de actividades económicas alternativas que fose capaz de absorber o emprego afectado, 800 persoas de forma directa e moitas máis de maneira indirecta.
“O Goberno fala moito de transición xusta, mais na Galiza non hai alternativas en marcha frente ao fechamento de Meirama e As Pontes”, sinala Rego. Por iso o proxecto defendido na iniciativa do BNG se situaría nesta última localidade, para alén de responder ás características da Galiza e da Comarca. “A Galiza é unha potencia en produción de enerxía eléctrica. En 2020, ano en que xa cesara a actividade nas plantas de Meirama e As Pontes, continuou a derivar 33% da xeración eléctrica fora do propio País. Tamén, a pesar do fechamento de Endesa, As Pontes continúa a ser un referente na produción de enerxía: o ciclo combinado de gas, dúas centrais hidroeléctricas, cinco parques eólicos e, ademais, cunha gran potencialidade” salienta o deputado do BNG.
O deputado nacionalista subliña que o almacenamento de enerxía é un dos grandes desafíos do proceso de transición enerxética, para cumprir os obxectivos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 (PNIEC) de alcanzar a neutralidade climática antes de 2050. Tamén se prevé a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Industrial que permita capturar o máximo potencial de xeración de desenvolvemento económico e emprego industrial derivados de la transición enerxética, polo que pode supor unha oportunidade para xerar unha cadea de valor propia que sexa competitiva a nivel galego, estatal e internacional.
Rego denuncia que esta iniciativa non saíu adiante polos votos en contra de PP e PSOE. “O Partido Popular argumentou a súa posición contraria fundamentalmente en que xa está previsto un centro destas características en Estremadura ‘ao que hai que apoiar’, argumento que tamén empregou Unidas Podemos para se abster. Pola súa parte, o PSOE, como sempre, non quere asumir ningún compromiso concreto”, sinala. “Máis unha vez, só o BNG defende os intereses dos galegos e galegas, frente a unhas forzas estatais que actúan en función do que lles manden as súas direccións de Madrid. Neste caso, opóñense a actuar para a transición nas Pontes “se produza de maneira xusta, sen deixar a ninguén atrás, e con alternativas económicas”.
A proposta da organización nacionalista, para alén de defender a creación dun Centro na Galiza para a Competitividade e a I+D+i no almacenamento de enerxía, instaba a negociar e acordar coa Xunta de Galiza, coa participación do Concello das Pontes, aspectos relacionados coa xestión, achegas económicas, instalacións, medios materiais e humanos, programación de actividades para 2021-2030, e posta en funcionamento inmediata. Tamén, realizar unha convocatoria pública para a participación ou colaboración de institucións, organismos ou empresas interesadas no Centro.