O BNG defende en Bruxelas un novo acordo pesqueiro con Mauritania que inclúa os cefalopodeiros
Durante o debate, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda cualificou de "vergoña" un acordo que expulsa e discrimina á frota galega, que non recibe ningún beneficio dun acordo pesqueiro que ten un coste de 67 millóns de euros para a Unión Europea. "Esta expulsión afecta a 400 familias nunha zona como o Morrazo altamente dependente das actividades pesqueiras, sen apenas alternativas económicas ou de recolocación noutras actividades", explicou.
Miranda subliñou que o BNG apoia acordos responsables e xustos entre a UE e terceiros países, que concilien os intereses das dúas partes implicadas, "pero non hai ningún beneficio para estes 24 barcos, pese a que os informes científicos indican que as especies de cefalópodos están recuperadas e pese a que desde Galiza tamén contribuímos a sufragar ese acordo co país africano"
A Comisión de Pesca da Eurocámara envía así unha clara mensaxe á comisaria de Pesca, a grega María Damanaki, para que non entre en vigor o acordo actual e se proceda a "inmediata" negociación dun novo protocolo, indicando ademais que non se faga ningún pago con cargo aos 67 millóns de euros fixados como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros mauritanos.
Miranda cualifica de "vergoña" que a frota galega non reciba ningún beneficio dun acordo que costa á UE 67 millóns de euros
En relación a posta a disposición de axudas para a frota afectada pola exclusión, Miranda denunciou na Eurocámara que os tripulantes afectados aínda non tiña percibido ningunha compensación, "pese a tratarse dun paro forzado e sen que a día de hoxe haxa alternativas".
O protocolo asinado pola comisaria Damanaki acapara máis do 60% da partida orzamentaria destinada a este tipo de acordos pesqueiros. Aos 67 millóns de euros hai que sumar a aportación que deben realizar os armadores, que triplica a que estaba agora en vigor. Ademais, o acordo cuxa revisión esixe a Comisión de Pesca é só por dous anos.