BNG defende na asemblea da Alianza Libre Europea que Galiza teña máis peso en Europa
A ALE aproba a proposta do Bloque para que os pelets sexan considerados contaminantes e reforzar a seguridade marítima
Unha delegación do BNG, integrada pola eurodeputada Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela; a responsable da área Internacional de Galiza Nova, Pilar Vázquez; e o integrante do BNG Emigración, Xano Chao, participa na asemblea da Alianza Libre Europea (ALE), o partido político europeo do que forma parte o Bloque no Parlamento Europeo. Esta asemblea xeral é a última antes das eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño.
No transcurso da asemblea aprobouse a moción proposta polo BNG para que os pelets sexan considerados contaminantes de forma que avoga polo aumento da seguridade marítima en Europa. Precisamente a proposta do Bloque, os vertidos de pelets e as perdas de contedores foron incluídos na Directiva sobre a contaminación procedente de buques, -que modifica o texto actual 2005/35/CE-, que ten o obxectivo de reforzar a aplicación e aplicación do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da Organización Marítima Internacional (OMI).
Europa dos Pobos
“Queremos unha Europa dos Pobos, da igualdade, da Paz e da xustiza social e non esta UE que nos leva á guerra”, destaca Ana Miranda, quen apunta que esta asemblea é a última que terá lugar antes das vindeiras eleccións europeas, que terán lugar o 9 de xuño. “Son unhas eleccións moi importantes para Galiza, pois en Bruxelas decídense unha boa parte dos intereses do noso País”, apunta a eurodeputada galega.
Segundo subliña Miranda, o BNG “somos a forza política que combate o neofascismo, a que defende Galiza en Europa, a que traballa para que Galiza teña máis peso e a que loita por un mundo máis xusto, e por iso nas vindeiras eleccións europeas é vital para Galiza seguir tendo a voz firme do BNG no Parlamento Europeo”. Para a eurodeputada nacionalista, desde o Bloque “defendemos unha Europa máis xusta e igualitaria fronte a esta Unión Europea que condena aos nosos sectores produtivos á desaparición”.
A Alianza Libre Europea, creada en 1981 por 8 partidos, traballa para facer da idea dunha “Europa dos Pobos” unha realidade política e cultural a nivel europeo e internacional. Na actualidade reúne a 49 partidos nacionalistas, rexionalistas e autonomistas de toda a Unión Europea, que representan a nacións sen Estado, novos Estados emerxentes, e minorías europeas. Centra a súa actividade na promoción do dereito á libre determinación dos pobos, os dereitos humanos, civís e políticos, así como a diversidade cultural e lingüística.