BNG defende 40 propostas "reais" para saír da crise e lograr unha Galiza máis xusta e con máis oportunidades
Olalla Rodil apelou a deixar atrás a “resignación” do Goberno Feixóo e poñer a riqueza e o talento ao servizo de todos os galegos e galegas
Traspaso de competencias, novo marco de financiamento, defensa dos servizos públicos, reforzo da sanidade e educación, rescate da industria e impulso dos sectores culturais e a lingua, centraron grande parte das propostas nacionalistas
Na defensa das propostas de resolución no Debate do estado da Nación, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil apelou a “deixar atrás a resignación” do Goberno Feixóo e poñer a riqueza e o talento ao servizo de todos os galegos e galegas. Tras afirmar que “a mocidade somos o futuro pero sobre todo o presente”, preguntou que expectativas vitais, profesionais e persoais ten hoxe unha galega de 32 anos? “A xeración máis formada, a máis preparada, e a que en vez de inflar o currículo esconde o título de máster a ver se ten máis posibilidades de que a collan”. Que paradoxo!, criticou.
O BNG, dixo, presenta un decálogo con propostas “reais” para saír da crise e lograr unha Galiza con máis oportunidades e máis xusta.
As propostas de resolución do BNG, explicou a nacionalista, pivotan arredor de tres grandes eixos : “unha Galiza con máis poder de decisión, máis xusta socialmente e con máis oportunidades”. Neste sentido, asegurou que “unha Galiza con máis poder de decisión é unha Galiza dona de si, con máis peso político e dixando atrás doce anos do PP de Feixóo sen reclamar unha soa competencia”. Nós propoñemos o traspaso das competencias pendentes recollidas no actual estatuto e todas as que foron acordadas unanimemente neste Parlamento.
A deputada engadiu que urxe ampliar a capacidade económica de Galiza no novo modelo de financiamento. “Precisamos un novo sistema de financiamento que nos faga máis donas dos nosos cartos e, sobre todo, que este país conte cos recursos económicos necesarios para a atención dos servizos públicos e a cobertura das necesidades sociais”. Dende o BNG, tamén queremos ir máis alá e non renunciamos a “abrir un debate amplo, sereno, democrático e con ambición de país para avanzar nun novo status político”.
Por outra parte, dixo, en Galiza non podemos falar de dereitos, benestar social e condicións de vida sen cuestionar “o centralismo que non fai máis que concentrar poder, riqueza e poboación en Madrid”. Queremos “unha Galiza máis dona de si reforzando o autogoberno e tamén construíndo unha democracia de máis calidade”. Para conseguilo temos que poñer en marcha unha normativa “clara e audaz” que poña fin ás portas xiratorias, impedir que as eléctricas gobernen máis que os presidentes do goberno, perseguir o fraude fiscal e que a cidadanía teña a oportunidade de participar na vida política, a través da celebración de consultas populares.
Na súa intervención, Rodil tamén se referiu “ao secuestro do medios de comunicación públicos” e defendeu unha “información veraz, obxectiva e próxima” cunha Dirección Xeral da CRTVG renovada a través dun concurso público. Ademais lembrou que a Plataforma “Defende a galega” acadou 178 Venres Negros.
Unha Galiza máis xusta
Dende o BNG, recalcou a viceportavoz parlamentaria, reclamamos “blindar e reforzar os servizos públicos fundamentalmente a sanidade, a educación pero tamén os dereitos sociais”. Porque se algo deixou en evidencia a pandemia da Covid-19 foron “as costuras da Atención Primaria, completamente exhausta e no chasis despois de 12 anos de recortes do PP no persoal e recursos económicos”.
Galiza precisa unha rede de servizos públicos forte que garanta a corresponsabilidade social na atención e coidado das persoas dependentes cun novo modelo de residencias e unha rede de servizos de proximidade que poñan no centro ás persoas, “non o negocio de DomusVi e da Fundación San Rosendo”.
“Unha Galiza máis xusta no social e con máis dereitos” remarcou, colide cos discursos máis ultra do Partido popular que quere devolver as mulleres ao ano 1985 no dereito das mulleres a interromper voluntariamente un embarazo. A proposta do BNG é moi clara : “ dereito ao aborto si e na Sanidade pública”.
Dereitos das mulleres e das persoas LGBT rexeitando con toda claridade e rotundidade os discursos de odio que ameazan gravemente a dignidade humana.
Cando falamos de xustiza, reiterou, tamén falamos dunha “Galiza máis soberana, máis xusta e con máis oportunidades” e indicou que xustiza e o dereito a vivir e traballar neste país, en condicións dignas, tanto para as xeracións presentes como para as futuras e ese é o terceiro grande eixo das propostas do BNG. Propostas que apostan pola xeración de riqueza, do emprego e dos dereitos.
Temos que utilizar o I+D+i como motor de desenvolvemento comprometendo o 3% do Orzamento da Xunta para 2022 en ciencia e investigación e a creación do Innogal para a retención e captación de talento.
Rodil tamén se referiu a loita contra a crise climática, a dixitalización e a transición ecolóxica como oportunidade. Ese é o debate, o que está en xogo. Quen vai aproveitar este momento e os cambios que están por vir: as maiorías sociais ou un puñado de multinacionais? preguntou.
Urxe reindustrializar os sectores tradicionais como o agro, o forestal, o pesqueiro, o naval ou o automobilístico, poñendo en marcha un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial co obxectivo de elevar a participación do sector industrial no PIB de Galiza até o 25% no horizonte 2030. Promover un tecido industrial orientado á creación de valor engadiu e emprego cualificado e de calidade. A esta iniciativa, sumou unha Estratexia galega de emprego 2025 para crear máis de 50 mil postos de traballo en sectores – industriais-- e tamén vinculados ás grandes transformacións que están en marcha. Poñendo especial atención na “empregabilidade das mulleres e a mocidade”. Novos perfís profesionais que permitan o relevo xeracional no sector primario; a dixitalización inclusiva; a robotización e a IA, a rehabilitación de vivendas ou a xeración de coñecemento na ciencia e a investigación.
“Estamos no abrente dun tempo novo”, no que non valen as receitas económicas e políticas que nos levaron a unha crise devastadora. A resposta aos retos que temos por diante, pasa por promover a activación dos sectores económicos estratéxicos, fortalecer o papel da ciencia e a investigación como sector produtivo, para xerar equidade, cohesión social e territorial, e poñer en marcha a grande transformación tecnolóxica e dixital da sociedade galega, concluíu.
O Partido popular votou en contra de 39 das 40 propostas defendidas polo BNG.