O BNG dá o seu respaldo ao Acordo de Gernika

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, replica a Rajoy que “a chave para saír da crise non está en máis Europa, está en outra Europa e máis soberanía”.

Guillerme fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á reunión entre a Executiva do BNG e representantes do chamado “Acordo de Gernika” para un escenario de paz e solucións democráticas para Euskal Herría.

Rajoy recentraliza o Estado pero non lle importa cederlle a soberanía estatal á Unión Europea

Para o portavoz nacional do BNG “o debate actual é entre globalización ao servizo do capital financeiro e da especulación, e a única alternativa polo ben dos pobos que é a soberanía, a capacidade de decidir”.

Neste sentido, Guillerme criticou que “o señor Rajoy, despois de seis meses de goberno coas noves xa queimadas e demostrando a absoluta impotencia para resolver os problemas da crise, agora, ao tempo que propón a férrea recentralización do Estado, propón seguir cedendo soberanía estatal á Unión Europa, que ven sendo o mesmo que cederlla a Alemaña, que a este ritmo acabará implantando o IV Reich, pero sen tanques”.

“O problema non é máis Europa, o problema é outra Europa e máis soberanía para os pobos”, subliñou.

Apoio do BNG ao Acordo de Gernika

Por outra parte, e xa centrándose no contido da reunión, o representante do Acordo de Gernika, Niko Moreno asegurou que “estamos en Galiza para dar a coñecer os contidos do devandito acordo, un acordo que definimos como unha folla de ruta cara á paz e a normalización democrática en Euskal Herría”.

Neste sentido, Niko Moreno agradeceu a “hospitalidade do BNG” e amosou a súa confianza en que “en Galiza, un pobo que sempre foi solidario e xeneroso co pobo vasco, poderase comprender a relevancia deste acordo para o escenario de esperanza e ilusión que a día de hoxe vivimos en Euskal Herría”.

Pola súa parte, Guillerme manifestou que “o BNG valora moi positivamente os esforzos dos asinantes do Acordo de Gernika a prol da consecución para Euskadi dun escenario democrático en paz”.

O BNG pide a fin da lei de partidos, outra política penitenciaria e a excarceración de Otegui

Ademais, salientou que “estamos ante unha oportunidade histórica de conseguir rematar definitivamente de rematar coa violencia e normalizar a vida política en Euskadi, e non debemos desaproveitar esta oportunidade”.

O BNG reúnese co Acordo de Gernika e pide a fin da lei de partidos, outra política penitenciaria e a excarceración de Otegui

Neste sentido, subliñou que “o BNG está disposto a contribuír e colaborar no camiño para conseguir eses obxectivos. Cremos que deberíao facer tamén todas as forzas políticas e, nomeadamente, o goberno español”.

En concreto, Guillerme demandou en nome do BNG “acabar con leis excepcionais como a Lei de Partidos, permitir a participación democrática sen excepcións a todo o mundo, revisar a política penitencia ou revisar tamén os xuízos por motivos políticos”. “E por poñerlle nome -engadiu-, parécenos absolutamente incomprensíbel que a estas alturas Arnaldo Otegui siga estando en prisión polos motivos insostíbeis que lle apoñen”.

A chave non está en Máis Europa, a chave está na Soberanía e tamén en Outra Europa

Na mesma liña, demandou que “impedir a Amaiur formar grupo político no Congreso deberían desaparecer da axenda política do goberno español”.

“Estou convencido de que hai que dar unha oportunidade para a paz”, concluíu.

Visita ao Grupo Parlamentar do BNG e acto público esta tarde en Santiago de Compostela

Despois da xuntanza entre a Executiva do BNG, os representantes do Acordo de Gernika visitaron ao Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza. E xa pola tarde, ás 20:00 horas haberá unha charla pública no hotel Virxe da Cerca, en Santiago de Compostela, organizada pola Fundación Galiza Sempre.