O BNG dá por morta a comisión de investigación sanidade tras o veto do PP ás comparecencias da oposición
Prado: “Non é posible investigar nada vetando ás persoas que sofren os recortes e permitindo que só veñan os que están recortando”
“O PP quere unha comisión de aclamación para tapar o cheiro da súa política de recortes e privatizacións, critica
O BNG da por pechada a comisión de investigación da sanidade pública, despois de que o PP decidise manter o seu veto as comparecencias dos grupos da oposición, nomeadamente ás vinculadas ao tráxico incidente do PAC da Estrada e aos doentes de Hepatite C aos que non se lles dispensou a medicación adecuada. Para deputada Montse Prado o PP aplica o rodillo porque só busca unha comisión de aclamación.
A persistencia do PP “en poñer o Parlamento ao seu servizo” fai que o Bloque manteña a súa decisión de non participar nesta ficción de comisión de investigación. O veto ao plan de traballo das forzas políticas da oposición “só se explica porque o PP ten moito que agochar e sente pánico a que se escoite a verdadeira situación da sanidade pública”, indicou a portavoz de Sanidade, quen tamén denunciou a vulneración dos dereitos dos e das deputadas por parte da Mesa da comisión.
“Queremos unha comisión de investigación merecente de tal nome, nunha unha na que o PP se bote incenso con botafumeiros para tapar o cheiro das súas políticas letais en materia de sanidade”, denunciou, quen defendeu a importancia de escoitar “as voces autorizadas” das persoas que levan anos alertando das consecuencias dos recortes e das privatizacións.
A deputada acusou a Feixóo de mentir no Parlamento despois de que este asegurase que as propostas de comparecentes da oposición eran máis que as do PP, “que eu saiba, 13 son menos que 26”, ironizou, tras instar aos populares “a rectificar porque o Parlamento non pode estar ao seu servizo senón ao servizo do pobo galego”. “Se queren unha aclamación convoquen un congreso do PP, pero non a busquen aquí no Parlamento”, recomendou.
O Bloque lembrou que o obxectivo da comisión “é saber que pasa na sanidade pública de cara a adoptar as medidas que permitan garantir o dereito a saúde dentro dun sistema sanitario público”, explicou Prado, para quen os vetos do PP “só se explican porque teñen moito que agochar”.
A formación nacionalista deixo claro que non vai ser cómplice de ningún paripé. “O PP pretende que a oposición teña que agacharnos, que teña que pasar por debaixo da mesa e non o imos facer por dignidade, non só dos grupos políticos que aquí estamos, senón sobre todo pola dignidade das persoas que demandan que se esclareza que está pasando coa sanidade pública e que merecen máis que este envilecemento da comisión de investigación”.
“Non é de recibo que se queira investigar o que pasou no PAC da Estrada sen permitir a comparecencia dos familiares do doente falecido, nin que se vete a comparecencia da xerente da área de Compostela para protexer a curmá do presidente da Xunta, nin vetar a presenza dos e das traballadoras da sanidade. Non podemos aceptar unha comisión na que están vetadas as persoas que sofren os recortes e só veñen os que están recortando. Así non se pode investigar”, concluíu Prado.