A presión do BNG consigue o servizo de radioloxía para o Centro de Saúde de Narón
A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta, na Comisión de Sanidade, relativa ás previsións do Goberno para dotar o novo centro de saúde de Narón dun servizo de radioloxía, outro de saúde mental, incrementar o persoal e reducir as ratios en medicina familiar e enfermería.
Tras a resposta do director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal que anunciou o seu compromiso coas necesidades do centro ante a demanda dos recursos reclamados pola veciñanza, a nacionalista deu a benvida ao compromiso para que Narón conte cun servizo de radioloxía ao que a nacionalista sumou a atención en saúde mental e un incremento do cadro de persoal.
Na súa intervención, Prado tamén pediu diminuír a ratio por doente en medicina familiar e enfermería porque, ao seu xuízo, estar na media do Sergas non se aproxima ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Por outra parte considerou “insuficiente” a dotación dunha praza para odontoloxía, hixienista e matrona que deben atender un gran volume de poboación en Narón.
Prado felicitou ao BNG de Narón e a todos os veciños e veciñas que participaron nas reclamacións para contar cun servizo de radioloxía. En canto ao servizo de Saúde mental asegurou que as unidades deste ámbito en Ferrol están “colapsadas” e en Narón existe unha grande demanda para esta atención.
En Galiza, explicou a deputada, existen 3,3 psicólogos clínicos a diferencia dos 4,3 do Estado ou dos 18 da Unión europea. Tamén a lista de espera é moi alta e supera ás 8.000 persoas, os cadros de persoal continúan “baixo mínimos”. Ademais, alertou que estas esperas provocan que algunhas das enfermidades “se cronifiquen”, cuestión que quedaría resolta si os doentes puideran acudir aos psicólogos e psicólogas clínicas na Atención primaria.
Neste sentido, avanzou que o BNG seguirá utilizando todos os medios ao seu alcance para seguir reclamando o incremento de persoal na Atención primaria con psicólogos, logopedas e profesionais das terapias ocupacionais.