BNG cuestiona a realización de manobras militares no Barbanza
O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas de urxencia tras coñecerse a intención do Exército do Aire español de realizar manobras militares aéreas e terrestres entre o 21 e o 25 de marzo na comarca do Barbanza. A organización nacionalista denuncia a situación e demanda a rectificación do Goberno do Estado nesta decisión en plena crise económica e coa actual suba de prezos xeneralizada, así como cambiar a súa política exterior para apostar de maneira decidida pola vía diplomática e o diálogo.
Os exército español acaba de anunciar que realizará exercicios militares de defensa aérea na base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10, situado no monte Iroite, no límite entre os concellos de Porto do Son, Boiro e Lousame. Durante estas obras militares, desprazaranse máis de 2.000 efectivos, seis avións EF-18, unha fragata F-102, ademais de misíles Nassams, Mistral e Hawk.
“Non é adecuado que en plena crise económica coa actual suba de prezos xeneralizada, especialmente da enerxía e os carburantes, o Goberno do Estado tome a decisión de realizar estas manobras” recrimina o deputado nacionalista. Rego denuncia que o despregamento previsto polo executivo case semella “un alarde de medios, que ven a coincidir actual clima político en que se pon en cuestión a decisión de enviar armas á Ucraína, tras dar apoio con medios militares ao continxente da OTAN”.
A organización nacionalista pregunta tamén sobre o custo que suporá a operación e critica a decisión do executivo. “No lugar de actuar de maneira decidida con axudas aos sectores máis afectados, o Goberno decide mirar cara outro lado. Trátase dun gasto militar innecesario, que pode supoñer un desembolso de millóns, uns fondos públicos que deberían dirixirse a dar axudas e poñer en marcha medidas que palíen a grave crise económica xeral derivada da escalada de prezos” subliña o deputado.
Alén do máis, durante os días en que se levarán a cabo as manobras, limítanse os movementos da poboación da comarca do Barbanza e deberán evitar aproximarse ao Monte Iroite. “Exponse á veciñanza da comarca a un risco totalmente innecesario, que poden verse afectados ante posíbeis fallos ou accidentes, mentres se destinan a eses exercicios grandes cantidades de diñeiro público, que poderían e deberían ser destinados a aliviar a situación crítica derivada da crise actual, á redución dos prezos de carburantes e electricidade”.
En definitiva, o deputado nacionalista chama ao Goberno do Estado a rectificar a súa decisión e que aposte de maneira decidida por optar pola “vía diplomática e de diálogo, pola vía da paz, sen deixase arrastrar polo militarismo da OTAN e dos Estados Unidos, así como polo intereses xeo-estratéxicos da potencia imperialista”.