O BNG cualifica de “opaca e especulativa” a venda de POVISA

Montse Prado e Ana Pontón c@s traballadores/as de POVISA
Montse Prado reprocha a Sanidade non ter actuado a tempo para impedir a venda e “mirar para outro lado” cando eran vulnerados os dereitos dos traballadores e traballadoras

A deputada do BNG, Montse Prado rexeitou hoxe a venda de POVISA e cualificou a operación de “opaca e  especulativa”. Para a deputada a venda non se reduce a unha simple transacción  entre sociedades privadas por ser  Povisa  un grande perceptor de diñeiro público a través do concerto co SERGAS polo que reclamou “absorber a xestión do centro garantindo o dereito dunha atención sanitaria cen por cen pública, universal, gratuíta e de calidade”.

Na interpelación ao conselleiro de sanidade, a  deputada tamén reclamou  unha auditoría  da xestión realizada por Povisa durante o  concerto asinado co Sergas para  determinar se os fondos foron dedicados á prestación sanitaria concertada ou privada.

Na súa intervención, a  parlamentaria acusou a Sanidade de non ter actuado para impedir a venda do centro sanitario, “o maior centro privado que vive da sanidade pública”, cuxa facturación, o 80%, 120 millóns de euros son a cargo dos impostos que pagamos os galegos/as.

Do que se trata, explicou  é “da venda dun hospital co que o Sergas ten concertado a prestación sanitaria hospitalaria de 135.000 veciños/as da Área Sanitaria de Vigo, e no que traballan arredor de 1.400 traballadores e traballadoras. “o concerto  máis caro, xa non da sanidade pública de Galiza, senón de todo o Estado español”.

Un concerto que foi renovado o 1 de setembro do ano 2014 para a prestación de servizos de asistencia hospitalaria aos veciños e veciñas dos centros de saúde de  Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e os que determine a administración do concello de Vigo.

A nacionalista engadiu que o concerto con Povisa, ascende a 600.480.000 €(sen IVE) por un período de 8 anos, máis de 75 millóns de euros anuais (máis IVE) aos  que hai que sumar  outros custes derivados da  facturación dos servizos dos que é referencia, maxilofacial ou  queimados.

Hai un ano, explicou, o concerto foi “renegociado” á alza  cando o Hospital presentou preconcurso de acredores  alegando perdidas económicas ocasionadas polo último Concerto asinado co SERGAS en 2014. Naquel momento, a Xunta procedeu ao rescate de Povisa co aumento de 84 millóns de euros e condonando o pago de parte da factura farmacéutica, pero no mes de xullo POVISA fixo pública a súa intención de reducir as consultas, intervencións e probas que non reportaran valor engadido.

Por outra parte,  o convenio cos traballadores e traballadoras permaneceu conxelado durante 10 anos, sen subida salarial, reducións de xornadas ao persoal sanitario e máis de 100 traballadores e traballadoras despedidos nos últimos anos.

UNHA VENDA OPACA

A parlamentaria cualificou de “opaca” a venda de POVISA e preguntou como é  posíbel que un hospital,  ao borde da  quebra hai uns meses,  rescatado dun concurso de acredores pola Xunta vía renegociación do concerto, que leva anos dicindo que ten perdas constantes lle interesa a unha multinacional impulsada en 1997  por Eduardo Zaplana desde a Generalitat valenciana?

 A empresa Ribera Salud, afirmou Prado  representa “o modelo privatizador de colaboración público-privada do PP.” Unha empresa  investigada tras denuncia da UDEF (Unidade de Delitos Económicos e Fiscais) por delitos de prevaricación e malversación de caudais públicos  por cobro de comisións ilegais en próteses ortopédicas e  marcapasos ademais de seren  sancionada pola Consellería de Sanidade por distribuír medicamentos sen autorización.

Empresa que agora está nas mans do xigante de seguros de saúde norteamericano, con sede en Misouri Centene Corporation, que é dono do 90%, “POVISA vendida  a unha multinacional que se dedica  dende hai anos a comerciar coa saúde da poboación”, concluíu.