O BNG cualifica de “ocupa” á Xunta por ocupar os terreos públicos da Xunqueira de Alba en Pontevedra
Pide á Xunta que abandone os terreos e converter o lugar nun grande parque público con zona verde á beira do río e da cidade de Pontevedra
O deputado do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta na Comisión de Ordenación territorial sobre as previsións da Xunta para abandonar as instalacións nos terreos da Xunqueira de Alba como prevé o ENIL, Espazo Natural de Interese Local, aprobado pola Xunta de Galiza.
Tras a resposta da directora xeral de Conservación da Natureza, Belén Docampo, o nacionalista manifestou que a Xunta está actuando como “ocupa” duns terreos que como afirmou a directora Xeral, dixo Bará, “non conta con ningún documento da concesión”.
A Xunta, denunciou o deputado, está ocupando uns terreos de dominio público que nos últimos tempos están convertidos “nun vertedoiro”, con “acumulación de vehículos abandonados, restos de obras, maquinaría e vehículos de empresas contratadas pola Xunta de Galiza.
Para o nacionalista, a directora xeral na súa resposta “botou balóns fóra” polo que reclamou que a Xunta lidere a saída das diferentes administracións na Xunqueira de Alba e permita “recuperar os terreos de 171 mil metros cúbicos para crear un grande parque público con zona verde nas proximidades da beira do río e da cidade de Pontevedra”.
Resulta “inadmisible”, reiterou Bará, que a Xunta actúe como “ocupa” duns espazos públicos con instalacións que poden ser trasladadas a outros terreos.