BNG cualifica de mala noticia uns Orzamentos do Goberno do PP cheos de recortes, parches e sen un proxecto de País
Noa Presas advirte que o incremento do 2,6 % nin sequera compensa a subida do IPC, o que limitará na práctica a prestación dos servizos públicos
Critica os anuncios vacuos do PP que presuposto tras presuposto deixa sen executar partidas tan importantes como a de construción de vivenda pública
Apunta que a Lei de Acompañamento manterá unha política fiscal en favor dos máis ricos e medidas que benefician os grandes inversores en vivenda
A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, cualificou de “mala noticia” os primeiros datos avanzados polo Goberno do PP para as contas da Xunta do 2025, pois anticipan uns orzamentos que “outra vez volven carecer dun proxecto de País e que seguen instalados nos parches e na rutina, sen ofrecer nada novo para os desafíos que ten Galiza por diante”.
En liña coas grandes cifras xa coñecidas, serán uns presupostos “recortados”, asegurou Presas, pois o aumento do 2,6 % avanzado polo Executivo de Rueda non vai compensar o que subiu o IPC, un 3,2 %. “O presuposto non aumenta o suficiente e, polo tanto, será máis difícil a prestación dos servizos públicos”, subliñou.
A deputada nacionalista advirtiu ademais sobre os “anuncios vacuos” do Goberno do PP que “xoga coas preocupacións dos galegos e as galegas” en temas tan importantes como o benestar das persoas maiores ou a política de vivenda, un dos maiores problemas para a mocidade do País.
Presas recriminoulle ao presidente da Xunta os “anuncios sen concretar” para as persoas de idade máis avanzada e lembrou, neste sentido, a súa negativa a aumentar as pensións non contributivas ou a reforzar o sistema público de residencias, apostando, pola contra, pola “drenaxe” de recursos á empresas privadas.
En canto á vivenda, subliñou a pouca credibilidade que ten o discurso do PP, que pretende facer agora o que non fixo en máis de quince anos de goberno. “Din que van promover chan industrial cando no ano 2023 de case nove millóns de euros orzamentados executaron só tres millóns, menos da metade”, denunciou.
Afondando da falta de credibilidade, destacou tamén que no 2023 o Goberno de Rueda deixou sen investir o 50 %, 32 millóns de euros, do programa de acceso á vivenda.
“Así levan orzamento tras orzamento, moita propaganda, pouca execución e cero credibilidade”, resumiu a portavoz nacionalista de Facenda, que ademais advertiu que a Lei de Acompañamento vai ser de novo “un coadoiro que traia tamén malas noticias”, con medidas “para favorecer os grandes inversores en materia de vivenda” e cunha política fiscal que seguirá beneficiando ás rendas máis altas “mentres se drenan recursos que poderían ir aos servizos públicos”.
Presas concluíu incidindo na ausencia dun verdadeiro proxecto de futuro no proxecto do PP e recalcou, diante do inicio do trámite parlamentario dos Orzamentos de 2025, que o BNG estará “á altura das circunstancias” facendo emendas e propostas “en positivo” e “reclamando que sexan corrixidas as medidas máis regresivas”.