BNG cualifica como “operación de maquillaxe” o discurso de Felipe de Borbón
“O xefe do Estado non recoñece o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe deste Estado. Galiza é unha nación”, reivindica Rego
Critica a ausencia de referencias aos casos de corrupción e evasión fiscal do anterior monarca e sinala o aumento da crítica á coroa “polo seu carácter antidemocrático e corrupto”
O Bloque Nacionalista Galego critica a “operación de maquillaxe e lavado de cara” do discurso de Felipe de Borbón neste 24 de decembro. Denuncia a ausencia de referencias aos casos de corrupción e evasión fiscal vinculadas ao rei emérito, Juan Carlos de Borbón, ademais da opacidade e por parte doutras institucións do Estado. O deputado do BNG, Néstor Rego, reivindica o carácter plurinacional do Estado español e á Galiza como nación “cunha lingua, cultura e características específicas”.
“Non pode facer apelo ao carácter exemplar que deben ter as institucións de rectitude política e moral sen facer ningunha referencia á corrupción da propia Familia Real, a todos os casos de corrupción e evasión fiscal en que está involucrado Juan Carlos de Borbón”. Ademais, nun momento “crucial” onde as novas informacións apuntan a unha posíbel volta do “rei fugado” ao Estado español “e mesmo á Zarzuela”.
Critica o deputado do BNG que “todos os casos de corrupción en que se ven involucrados se resolvan, non pola vía da investigación senón pola “vía da ocultación e a colaboración doutras institucións do Estado que sempre se negan a investigar con profundidade”. Neste momento, segundo sinala o deputado, a monarquía está sendo cada día máis criticada “polo seu carácter antidemocrático e corrupto”.
Un discurso que, para a formación nacionalista, estivo baleiro de contido para os sectores que atravesan máis dificultades da sociedade galega: “ás persoas que están preocupadas polo desemprego, a precariedade... A esa mocidade que ten que emigrar masivamente porque non atopan oportunidades laborais no noso País e tampouco aos traballadores e traballadoras que viven nunha crise permanente no mundo da industria e en risco de perder os seus postos de traballo” enumera Rego. Precisamente, tamén o deputado sinala a ausencia de críticas ante o deterioro dos servizos públicos, nun contexto marcado pola pandemia da COVID-19.
“O xefe do Estado non recoñece o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe deste Estado. Evita recoñecer que Galiza existe como pobo diferenciado, que Galiza é unha nación cunha lingua, cunha cultura, unhas características e con problemas específicos” enfatiza Néstor Rego.