BNG cualifica como “golpe brando xudicial” a decisión do Tribunal Constitucional
Néstor Rego denuncia o “atentado democrático” que supón a resolución do organismo constitucional ao vulnerar a división de poderes e limitar a independencia do poder lexislativo
“É necesario parar a esta ultradereita golpista e descaradamente franquista. Tamén parar a este PP golpista, a este Feijóo golpista e a este TC golpista” sinala Rego
O BNG chama ao resto de forzas políticas democráticas a estabelecer unha estratexia conxunta en defensa dos principios democráticos básicos
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, reacciona cualificando a decisión do Tribunal Constitucional como “golpe brando xudicial”, un “atentado” contra os principios democráticos mínimos. A frente nacionalista entende que o órgano constitucional, instrumentalizado pola dereita ultra, excedeuse na decisión -cuestión que xa ocorreu no Parlament de Catalunya en 2017- e chama ás forzas políticas democráticas a estabelecer unha estratexia conxunta na defensa de principios democráticos mínimos. Así mesmo, Rego lembra a inexistencia dunha ruptura democrática ao final da ditadura, que posibilitou a continuidade dun poder xudicial reaccionario e denuncia a habitual instrumentalización da xustiza para fins políticos e a prolongación do bipartidismo no ámbito xudicial.
O Bloque Nacionalista Galego considera como “atentado democrático” e “golpe brando xudicial” a decisión tomada polo Tribunal Constitucional. “Unha decisión que vulnera a división de poderes e limita a independencia do poder lexislativo. Unha decisión que mostra un Tribunal Constitucional instrumentalizado politicamente pola dereita ultra” sinala o deputado nacionalista.
Segundo lembra o deputado do BNG, contra o que se está dicindo, non é a primeira vez que sucede algo similar xa que o Tribunal Constitucional paralizou en 2017 dous plenos do Parlament de Catalunya nos que se ía a debater sobre o dereito de autodeterminación e a reprobación da monarquía. Con anterioridade, un pleno no Eusko Legebiltzarra polo Plan Ibarretxe. “Algúns dos partidos que se ven agora afectados non só estaban de acordo nestas resolucións anteriores, se non que aplaudían” lembra Rego, a pesar de que con iso sentaba un precedente moi perigoso.
En todo caso, para o BNG, o feito de que non sexa a primeira vez que o Tribunal Constitucional intervén politicamente no ámbito lexislativo, non lle quita gravidade á decisión adoptada onte. En opinión do deputado do BNG, tal e como advertiron destacados xuristas independentes, o Tribunal Constitucional “excédese” na súa decisión. “Ningunha Lei habilita ao TC para un control a priori. A súa función é avaliar a posteriori a constitucionalidade das leis aprobadas. Menos aínda, un Tribunal con membros co seu mandato caducado que ademais participan do debate e votación sobre o seu propio futuro” afirma Rego.
Así mesmo, o deputado do BNG na cámara baixa pon en cuestión que a decisión tomada polo Tribunal Constitucional sexa unha decisión lexítima. “Hai que avaliar con detemento e rigor se se trata dunha decisión lexítima ou ilexítima e, en caso de considerala ilexítima, actuar en consecuencia” destaca.
Por este motivo, o BNG tende a man a todas as forzas políticas democrática para que, de maneira conxunta, acórdese unha estratexia para defender principios democráticos mínimos que o Tribunal Constitucional puxo en cuestión. “É necesario parar a esta ultradereita golpista e descaradamente franquista. Tamén parar a este PP golpista, a este Feijóo golpista e a este Tribunal Constitucional golpista.”
Néstor Rego lembra que o BNG leva moito tempo denunciando o papel político que asume o poder xudicial, cernando dereitos democráticos e liberdades públicas, a partir dunha tradicional “prolongación do bipartidismo no ámbito do control da constitucionalidade e o ámbito da xustiza”. Para o BNG, é necesaria unha “reforma profunda, por hixiene democrática, do ámbito xudicial”.
“A xustiza, pola inexistencia dunha ruptura democrática ao final da ditadura, coñeceu unha reprodución ideolóxica que se mantén ata os nosos días e que explica ese rumbo claramente conservador -cando non ultra- do poder xudicial que tamén se manifesta agora no Tribunal Constitucional” explica o deputado do BNG.