parlamento galego

BNG critica a situación de caos e colapso que se vive dende hai tres anos no centro de saúde e no PAC de Ponteareas

Cristina Fernández

Cristina Fernández denuncia intereses particulares na construción dun centro de saúde, “cun investimento de moitos millóns de euros para beneficio particular”

A deputada do BNG Cristina Fernández denunciou este mércores no Parlamento a situación de “caos e colapso” que se está a vivir dende hai case tres anos no centro de saúde e no Punto de Atención Continuada (PAC) de Ponteareas debido á falta de cobertura das vacantes de persoal por xubilacións, baixas e vacacións.

A carencia de persoal fixo que xa no 2021 se suprimise a quenda de tarde no centro de saúde, recuperada dous anos despois e de novo anulada a finais do pasado mes de abril  por decisión da coordinadora do centro de saúde e concelleira de Servizos Sociais do PP, subliñou Cristina Fernández, que cifrou en seis as e os médicos que faltan no centro. Segundo denunciou, algúns dos pacientes foron derivados á quenda de mañá con novas esperas de ata cinco semanas para ser atendidos.

“A política do PP de non substituír o persoal sanitario, xunto ao caos e desorganización deste centro de saúde -ao que o persoal sanitario chámalle Vietnam, ironizou- fai que as veciñas e veciños teñan que recorrer en moitas ocasións ao PAC de Ponteareas, que tamén anda xusto de persoal e no que hai momentos nos que que hai que esperar horas até ser atendido”, asegurou no transcurso dunha pregunta ao conselleiro de Sanidade.

Cristina Fernández subliñou, ademais, as carencias de outros centros sanitarios da comarca. “En Salvaterra de Miño non hai pediatra estable; no centro de saúde de Mondariz faltan dous médicos; na Cañiza hai dous médicxs de baixa e non son substituidxs; Covelo simplemente carece de médicxs e na Unidade de Saúde Mental de Ponteareas falta un psiquiatra e hai lista de agarda dun ano”, resumiu.

A deputada do Bloque censurou ao Goberno do PP por non facer “absolutamente nada” para poñer remedio á escaseza de persoal, o que está a provocar que a veciñanza teña problemas para conseguir unha cita, que moitas persoas sexan atendidas cada día por unha facultativa ou facultativo diferente ou que as familias con nenos/as teñan que desprazarse até 50 km. no caso de precisar atención urxente.

Polémica polos terreos mercados para o novo centro

Fernández acusou tamén o Partido Popular de “intentar desprazar a atención do problema anunciando a construción dun novo centro de saúde” para o que o Goberno do PP no Concello de Ponteareas puxo a disposición da Consellería uns terreos “comprados nun espazo fronte á clínica familiar da concelleira do PP que tamén é coordinadora do centro de saúde actual e responsable do caos existente no mesmo”, explicou xa fora do Pleno a deputada.  Os terreos, apuntou, foron mercados tendo outros sen custe para o centro.  

Fernández Davila considera que o PP se está a superar con esta situación na comarca do Condado-Paradanta, onde “toda a veciñanza pode ver a manipulación sen vergoña de ningún tipo dun investimento público de moitos millóns para un beneficio particular”.