BNG critica os recortes na pesca de abadexo e exixe ao Ministerio negociación co sector pesqueiro galego
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou distintas iniciativas na cámara para exixir ao Ministerio de Pesca que rectifique os importantes recortes decididos na pesca de abadexo que “supoñen un auténtico mazazo para as frotas de baixura da Galiza”.
O pasado venres 9 de febreiro o BOE publicaba as disposicións de ordenación das pesquerías do abadexo, raia e raia mosaixa con topes de captura que causaron moito malestar e as queixa do sector pesqueiro galego. Agora estabelécense topes de captura para as zonas 8C e 9 fixando un total de kilos por día e buque: 10 para o palangre de fondo e 5 para o resto de modalidades, “uns topes ridículos que son un agravio para a pesca artesanal”.
Hay que facer estudos serios sobre o stock.
O BNG indica que esta nova redución débese fundamentalmente ao criterio do ICES (asumido plenamente pola UE) que volve a fixar unha nova redución na liña da “precaución” atendendo á escaseza de información clara a respecto do nivel de explotación. “Resulta totalmente incomprensíbel que volva minguar a cota dispoñíbel sen dispoñer de estudos actualizados e rigorosos sobre o estado da pesqueira e sen que a Administración tivese en conta as alegacións presentadas polo sector pesqueiro galego”.
Ademais, engade o deputado do BNG, trátase dunha cota estabelecida con carácter plurianual polo que non se poderá revisar á alza nos vindeiros anos, “nin aínda constatándose o bo estado do stock”.
“Un mazazo para a frota de baixura. Compromete a súa viabilidade”
Néstor Rego faise eco da indignación das frotas de baixura, especialmente de Ribeira, Fisterra, Malpica, A Coruña, Burela ou Vigo, que “ven como se lles está a impoñer unha cota aínda máis restritiva que a do ano anterior nunca especie que nunca a tivo nin a precisou. Son uns topes inasumíbeis para a frota artesanal e que significarán na práctica que un barco de artes menores, con independencia do número de tripulantes, só poderá pescar unha ou dúas pezas de abadexo. Con esas posibilidades de captura é imposíbel o mantemento da actividade”.
BNG exixe ao Ministerio que dialogue co sector e se encargue ao IEO un estudo do stock de abadexo para evitar o fechamento da pesquería. “Esta medida só vai servir para acelerar a inviabilidade da frota pesqueira galega, especialmente das artes menores”.
Neste sentido, na proposición non de lei presentada, ademais de instar ao Ministerio á negociación, a dar marcha atrás nos topes de captura aprobados e a facer estudos serios sobre o estado da pesquería, BNG demanda “compensacións ás frotas prexudicadas para permitir a súa viabilidade”.