BNG critica que Feixóo acuda á conferencia de presidentes sen propostas para Galiza e repetindo argumentario do PP
“A cuestión non está en canto tempo vai falar, senón de que vai falar para defender os intereses do País”, destaca a viceportavoz Olalla Rodil
O Bloque insiste nunha comisión bilateral Xunta-Estado para negociar as cuestións pendentes
Propostas para ese foro: axilizar a vacinación e reforzar a sanidade, xestión directa dos Next Generation e novo modelo de financiamento autonómico
A menos de 24 horas da celebración da Conferencia de Presidentes, o BNG critica que o xefe do Executivo se limite a repetir as consignas redactadas en Génova pero sen concretar ningunha proposta en defensa de Galiza, a diferencia doutros mandatarios, como o lehendakari vasco que, mesmo antes do encontro, xa conseguiu novas competencias fiscais.
“O único que temos é ao señor Feixóo repetindo o argumentario do PP para a ocasión, emperrenchado en perderse en cuestións de forma en vez de ir ás cuestións de fondo, porque o importante non está en canto tempo vai falar senón de que vai falar, que vai dicir para defender os intereses das galegas e galegos”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, encargada de trasladar a posición do Bloque en relación a esa conferencia.
O BNG, indicou, ten claro que cuestións deben estar enriba da mesa nesa reunión se realmente se quere defender o País, en lugar de andar “laiándose cronómetro en man polo tempo de intervención”.
Neste sentido, Rodil avanzo catro prioridades que a formación nacionalista considera deben levarse a ese encontro. Sanidade e vacinación; xestión directa dos fondos Next Generation; negociar un novo modelo de financiamento e a creación dunha comisión bilateral Xunta-Estado para negociar de ti a ti as cuestións pendentes con Galiza.
“En relación á pandemia, garantir que a vacina chega a toda a poboación, que se poñan as pilas tanto o Goberno do Estado como o Goberno da Xunta, porque estamos no medio da quinta onda e non se resolve criminalizando a mocidade, senón acelerando o proceso de vacinación”, indicou a viceportavoz parlamentaria, “e desde logo, reforzar a sanidade, agora que empeza a elaboración dos orzamentos de 2022”.
En canto aos fondos europeos, -que non son a panacea nin poden estar vinculados con novos recortes, pero son os únicos extraordinarios para saír da crise-, “defendemos a xestión directa porque cando Madrid decide, Galiza perde”, indicou, ademais de insistir en que eses fondos deben chegar á economía real, as PEMES, aos traballadores e traballadoras autónomas e aos sectores máis impactados pola crise. “Se eses cartos acaban nos petos dunha presa de multinacionais será unha oportunidade perdida e unha estafa”, advirte.
Caducado desde 2014, o Bloque considera que Galiza debe reclamar a negociación dun novo modelo de financiamento con dous obxectivos: “lograr que o Estado deixe de facer caixa aquí e ter a chave dos nosos cartos para xestionalos en función das prioridades de Galiza”, indicou Rodil, tras denunciar “os sete anos extra aguantando un modelo discriminatorio que nos fai perder centos de millóns cada ano”.
Finalmente, o Bloque volve poñer sobre a mesa a creación dunha comisión bilateral Xunta-Estado, para negociar as cuestións pendentes e importantes de cara aos retos de futuro nun contexto de crise.
En resumo, “Galiza non se defende como fai Feixóo repetindo o argumentario que lle manda Génova, nin laiándose, nin perdéndose en cuestións de forma esquecéndose do esencial. Deféndese con propostas concretas en materia de sanidade pública, para a xestión dos fondos europeos, para un novo modelo de financiamento e reclamando unha relación bilateral que permita abordar de ti a ti as cuestións que preocupan a este País”, concluíu.