parlamento galego

BNG critica a falta de resposta a enfermos de saúde mental de Ponteareas sos e “sen máis axuda que os ansiolíticos”

Cristina Fernández
Cristina Fernández denuncia que as citas para revisións en Psicoloxía están a darse para setembro de 2025 se son ordinarias e para febreiro as preferentes

A deputada do BNG Cristina Fernández denunciou na Comisión de Sanidade do Parlamento a situación na que se atopan os doentes da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas pola falta de personal necesario para ser atendidos. "O Servizo Galego de Saúde non da a resposta que se precisa, deixando soas a moitas persoas que en ocasións non teñen máis axuda que unha caixa de ansiolíticos ou antidepresivos”, denunciou.

“Estamos falando de algo moi grave”, advertiu a deputada de Ponteareas, que exemplificou con casos concretos a difícil situación que están a vivir estes docentes, nun concello onde, lembrou, existe un alto índice de suicidios e enfermidades mentais. Expuxo, neste sentido, casos particulares de usuarios que non teñen psiquiatra e outros que aos que se lles anulou a cita en xuño e lle foi reprogramada para finais de febreiro de 2015.

En agosto, as primeiras citas que deron para psicoloxía son para maio do próximo ano, ou para marzo no caso das preferentes. As revisións para esta especialidade estanse programando para setembro de 2025 e as preferentes para febreiro. En cando á psiquiatría, as agardas son tamén de meses. Ademais, hai unha psiquiatra que permanece de baixa e a maioría dos seus doentes levan dende marzo como mínimo sen ser  atendidos, explicou a deputada nacionalista.

“A saúde mental non pode depender de se teñen ou non cartos nas contas das súas familias”, criticou, subliñando que moitos dos doentes son persoas que se atopan soas e nin tan sequera poden desprazarse ata a vila para ser atendidos. Nalgúns casos non teñen máis axuda que a de asociacións e fundacións sen ánimo de lucro que atenden a persoas con enfermidades mentais na comarca.

Como exemplo da gravidade dalgunhas situacións persoais, referiuse ao caso de Manuel, un doente da Unidade de Saúde Mental de Ponteareas que vive nunha parroquia que queda a 8 quilómetros. Cando comezou a ter problemas de conduta e relación social coa súa familia, no seu traballo e coas súas amizades, sentiuse illado e chegou a non saír da casa. “Manuel xa non é quen de reaccionar sen apoio externo e non pode trasladarse sen acompañamento ata a vila para pedir citas ou para asistir ás consultas que tardan meses ou preto dun ano no caso do psicólogo ou psicóloga”, apuntou.

“Manuel e outras moitas persoas seguirán pedindo axuda en tanto o Sergas non da a resposta que se precisa”, agregou a deputada ponteareá, quen reclamou a dotación de máis recursos para a Unidade de Saúde Mental,  que comezou a funcionar hai dous anos con 2 psiquiatras, un psicólogo, unha enfermeira e unha administrativas, un cadro de persoal que se amosou insuficiente para unha comarca como Ponteareas e cuxa situación foi empeorando. Segundo afirmou, todas as citas que había  para marzo, abril, maio e xuño foron anuladas por culpa dunha baixa sen cubrir, sen ser estas consultas adiadas nin ter o doente a posibilidade de acudir a outra unidade de saúde mental.

“Se temos en conta que cada día unha psiquiatra pode atender unha media de 14 doentes por xornada, durante todo este tempo deixáronse de atender máis de mil citas a persoas con enfermidades mentais”, destacou.

Pedir axuda está ben, pero faltan os recursos

Cristina Fernández rematou a súa intervención lembrando que o vindeiro día 10 celébrase o Día da Saúde Mental e criticou, neste sentido, que o Goberno do PP faga con motivo desa efeméride publicidade baixo o lema “Sen saúde mental non hai saúde, non estás só, non estás soa, pide axuda”. “Se están soas e non se lles vai dar axuda até dentro de dez ou doce, é suficiente que piden axuda?”, preguntouse.

“Os e as doentes que pode piden axuda; as que non piden normalmente teñen o apoio das súas familias, veciñas ou asociacións que o fan. O que faltan son medios, e iso lles corresponde a vostedes facelo”, concluíu no debate dunha pregunta formulada ao director xeral do Sergas, José Ramón Parada.