O BNG critica a egoísta posición da Unión Europea cos pobos máis afectados polo coronavirus
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentou a través da coalición europea, unha batería de iniciativas dirixidas á Comisión Europea e ao Consello Europeo, solicitando medidas urxentes no plano do material sanitario, nas medidas económicas e na flexibilización dos fondos de cohesión, así como unha actualización diaria de toda a poboación afectada pola pandemia do Covid19 no conxunto da UE. Ao seu xuízo, a ausencia de datos reais e coordinados por Estados Membros no momento actual provocada pola emerxencia sanitaria poñen de manifesto a falta de previsión loxística e estatística para a toma de decisións conxuntas, que debe ser corrixida de forma urxente.
“A Comisión debería instar á Oficina Estatística das Comunidades Europeas (EUROSTAT) a realizar un control de datos urxente e unha actualización diaria para prever diversos escenarios presentes e futuros”, subliña Miranda, ao considerar que é fundamental contar con datos sólidos, fiables, actualizados e coordinados para realizar estimacións do material sanitario preciso na actualidade e para ter unha previsión axeitada no caso de futuras pandemias que poidan existir en Europa.
Reserva estratéxica de medios
Para a portavoz do Bloque en Europa, unha vez que esta base de datos estea actualizada debería servir para crear unha reserva estratéxica de material de prevención e de equipos médicos, tal e como anunciou a Comisión Europea o pasado 19 de marzo. Neste sentido, Miranda considera que a gravidade da situación actual pola falta e escaseza de material sanitario en algúns Estados Membros, como o español, a chamada a urxencia das diferentes autoridades e do persoal sanitario, “puxo de manifesto o retraso e a tardía resposta solidaria cos territorios máis afectados pola grave pandemia”.
Ana Miranda considera que a creación urxente desa reserva estratéxica de equipos médicos e de previsión, financiada ao 90% polo executivo comunitario, é unha medida importante para facer fronte á pandemia do Covid19. “Desde o BNG xa preguntamos en xaneiro se a Comisión Europea contaba cun plan de choque para frear a expansión do coronavirus e lamentablemente aínda non existe unha resposta coordinada”, sinala a nacionalista galega, para quen a Unión Europea tiña que ser neste tráxico momento, un exemplo de solidariedade e de actuacións conxuntas.
Pola contra, considera que está amosando ser un mercado no que prevalece o egoísmo dos Estados e os seus intereses puramente económicos e xeoestratéxicos, sen importarlles nada o futuro dos pobos de Europa que están padecendo os efectos do coronavirus e as consecuencias económicas e sociais da pandemia. "Tal como advertiu o BNG dende hai moito, a UE empuxou ao Estado español a recortar a sanidade, a rebaixar os servizos públicos e o mercado laboral, e tivo cómplices e agora vemos as consecuencias deses recortes e da imposición orzamentaria da regra do cumprimento do déficit" afirma Ana Miranda.
O BNG critica a ausencia de decisións económicas do pasado Consello Europeo para apoiar aos 8 Estados que padecen máis gravemente a pandemia, entre eles o Estado español, e lamenta o retraso da celebración ao vindeiro 7 de abril. "Non están á altura do momento, a UE está deixando tiradas ás persoas e pobos" comenta indignación Ana Miranda, quen aplaude as declaracións do presidente de Portugal, Antonio Costa.