BNG critica a discriminación das mulleres de Lugo e Ourense que teñen que desprazarse ás unidades de reprodución asistida
Iría Carreira reclama medios para reducir as listas de espera e non rebaixar na práctica a idade para recibir os tratamentos que lles axuden a ser nais
A deputada lamenta o voto en contra do PP a crear este servizo no CHUO e no HULA: “Os dereitos sanitarios non poden existir só á beira da AP-9”
A deputada do BNG Iria Carreira denunciou no Pleno do Parlamento a “discriminación” que sofren as mulleres de Lugo e Ourense que se teñen que desprazar ás unidades de reprodución asistida de Santiago, Vigo ou A Coruña para recibir tratamentos que lles axuden a ser nais. “Os dereitos sanitarios non poden existir só á beira da AP-9”, advertiu, lamentando que “unha vez máis, Lugo e Ourense sofren a discriminación dun goberno do PP pouco preocupado polo desenvolvemento integral do País e pola cohesión territorial”.
Iria Carreira defendeu a iniciativa do BNG para ampliar aos hospitais de Ourense (CHUO) e Lugo (HULA) os servizos de reprodución asistida, unha demanda “básica” para garantir os dereitos sanitarios de todas as persoas “independentemente de onde vivan”, porque “nin as cifras da túa conta bancaria nin as do teu código postal poden condicionar os dereitos que ten cadaquén no servizo galego de saúde”, asegurou.
A deputada nacionalista subliñou que as mulleres usuarias das unidades de reprodución asistida teñen que acudir a numerosas consultas para recibir tratamento, o que complica esta opción para as que viven en Lugo ou Ourense. “De Burela ao CHUAC hai que viaxar durante 1 hora e 45 minutos de ida e outro tanto de volta; desde o Barco ao Álvaro Cunqueiro son dúas horas e medida. En coche sempre, porque, unha vez máis co transporte público non podemos contar”, exemplificou.
Subliñou, neste sentido, as trabas e o custe económico que supón a distancia para todas aquelas mulleres do interior que queren ser nais, non só por patoloxías que impiden o embarazo. “Falamos tamén de persoas con bo estado de saúde que non poden lograr o embarazo polos seus propios medios, de mulleres que deciden ser nais en solitario, do colectivo LBT, de parellas de mulleres cis, de persoas trans”, explicou.
É por iso que lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa coa que o BNG reclamou tamén máis medios nas unidades de reprodución asistida que xa existen co obxectivo de que as listas de espera que agora existen non sexan, na práctica, un factor para limitar a idade de acceso aos tratamentos de inseminación artificial ou fecundación in vitro.
Carreira considerou positivo a ampliación da idade máxima para acceder a estes tratamentos, así como a eliminación do criterio excluínte de ter xa unha crianza sa ou que persoas en bo estado de saúde teñan acceso á conxelación de óvulos no sistema público de saúde. Porén, advertiu que os dereitos teñen que ser garantidos tamén “máis aló do papel”.
Denunciou así que aínda que hoxe o acceso ás unidades de reprodución asistida está limitado ata os 40 anos, “de facto, ese límite está instaurado antes, nos 38 ou bis 39, por mor das listas de espera que existen”. “De que nos valería ampliar a idade ata os 45 anos non 2028 se despois volvemos a rebaixala pola vía dos feitos e das listas de espera?”, preguntouse Carreira, que diante dos argumentos do PP, aclarou que a iniciativa do BNG non pedía sequera a descentralización de procesos “superespecializados”, como o lavado seminal ou o test xenético preimplantacional.
“Do mesmo xeito que defendemos sempre que as políticas demográficas teñen que ser algo máis que poñer ás mulleres a parir e que o aborto ten que estar garantido sempre na sanidade pública para todas, tamén ten que estar garantido nesa mesma sanidade pública o dereito de que todas as que desexen ser nais”, manifestou durante a súa intervención a deputada nacionalista, que, aludindo ás políticas natalistas da Lei de Impulso Demográfico, lembrou ademais que Lugo e Ourense rexistran, precisamente, os datos máis baixos de natalidade en Galiza. En Galiza naceron 14.103 crianzas durante o 2023, das que 1.307 corresponden a Ourense e 1.177 a Lugo.