O BNG critica a decisión do goberno do PP de retirar a presenza de Galiza das principais feiras do libro do mundo
Galiza non estará presente en Bologna, Frankfurt, Guadalajara (México) e Barcelona por ter cancelado a Consellería de Cultura e Educación a contratación de actos coa Asociación Galega de Editores
A deputada do BNG, Olalla Rodil pide explicación ao goberno galego ante a renuncia da Consellaría de Cultura e Educación a participar nas feiras internacionais de Bologna, Frankfurt, Guadalajara (México) e Barcelona pola súa negativa a consensuar cos axentes do sector do libro galego os criterios que rexen a presenza galega nas mesmas.
Para a parlamentaria nacionalista, a renuncia da Consellería que dirixe Román Rodríguez é unha nova mostra “de sectarismo e intransixencia” co que actúa o Partido Popular desde a Xunta de Galiza así como “o eneísimo desleixo do Partido Popular á cultura e á lingua galegas”.
Rodil rexistrou diversas iniciativas nas que pide explicacións ao Goberno e pídelle que abandone a “soberbia” e sentarse a dialogar coa Asociación Galega de Editores (AGE), e axentes do sector do libro galego.
Para a deputada, o Partido popular segue a súa estratexia contra a cultura galega e a suspensión do expediente de contratación de actos e organización das feiras internacionais do libro evidencian o rumbo marcado polo PP para impedir a presenza de Galiza en espazos internacionais.
O Partido Popular, explica Rodil, derrogou de facto a Lei do libro e da lectura que vén incumprindo desde o ano 2009. Unha lei que fixa, entre outras cuestións, “ a obriga do Goberno de fomentar e apoiar a participación das empresas galegas do sector do libro nas feiras e exposicións internacionais” e que permiten abrir novos mercados á literatura galega así como proxectar a lingua e cultura do país máis alá das nosas fronteiras.
Rodil denuncia que o Partido Popular recortou desde 2009 máis do 50% os fondos destinados á Cultura e o 65% dos orzamentos dirixidos á Normalización Lingüística. Nos Orzamentos para 2018 recortaron 200 mil euros dos fondos dirixidos á corporacións locais para a adquisición de novidades editoriais e dos 240 mil euros dirixidos a actividades de animación á lectura en 2017, “apenas fican 96 mil para 2018”.
Este desleixo cara á cultura do país en xeral e cara ao sector do libro en particular, recalca a deputada do BNG, supón a “caída en picado” da produción e facturación editoriais nos últimos anos e de maneira aínda máis notábel no caso do libro en lingua galega mentres as producións editoriais en catalán e euskera aumentaron.
A cultura e a lingua galegas non merecen un goberno que lle dá as costas e impide o seu recoñecemento fora das nosas fronteiras, a súa proxección, fomento e divulgación.
A parlamentaria do BNG interpelará ao conselleiro de cultura e defenderá unha proposición non de lei para consensuar cos distintos axentes os criterios que rexerán a presenza de Galiza nas Feiras internacionais do libro e a xestión das actividades e stands que como país ocupe nas mesmas.