Congreso

O BNG critica a decisión da Mesa do Congreso sobre o Grupo Múltiple e contribuirá a impulsar un novo grupo

Néstor Rego

Trátase de desagregar un grupo mixto de 21 deputados e deputadas e 11 partidos diferentes e lograr así máis capacidade operativa e visibilidade para a Galiza

O deputado do BNG, Néstor Rego, sinala que a decisión da Mesa "é política e non respecta un criterio esencial en democracia: que todas as forzas con representación teñan posibilidade de intervención " porque o grupo cumpría cos requisitos de ter máis de 5 deputados e máis de 5% de votos.

Néstor Rego salienta que o BNG contribuíu a impulsar o Grupo Múltiple para poder saír dun Grupo Mixto que non garantía un mínimo de capacidade de actuación nin visibilidade ao estar constituído por 11 forzas diferentes. O grupo, de carácter técnico, cumpría os requisitos e garantía que o BNG tivese máis posibilidade de intervención, en tempos, iniciativas ou presenza en comisións.

A decisión da Mesa do Congreso, que rexeita os dous grupos propostos polas forzas que terían que ir ao Mixto, non respecta o principio de que todas as forzas con representación teñan posibilidade real de actuación dentro do Congreso, pois ao cabo, representan máis de 1 millón de electores e electoras, no caso de BNG máis de 120.000 galegos e galegas que deben ver garantido o seu dereito de representación.

É por iso que o BNG continuará a buscar fórmulas que permitan maior capacidade de actuación e que non poidan ser cuestionadas pola mesa. Para iso, e dado que a Mesa abriu un novo prazo até o venres día 20, Néstor Rego está en contacto con outras forzas para impulsar un Grupo Parlamentar que xunte un mínimo de 15 deputados e deputadas.

O obxectivo do BNG é lograr a mellor posición posíbel dentro do Congreso para asegurar máis posibilidades de defender con eficacia os intereses da Galiza e de todos os galegos e galegas.