Congreso

BNG critica o acordo das pensións por afondar nos recortes

Alén de criticar que o Goberno elixa os interlocutores cos que negociar, Néstor Rego denuncia a actitude do executivo furtando a capacidade lexislativa do Congreso. “Non partillamos o acordo nin no forma nin no contido”

O acordo das pensións, sinala o deputado do BNG, consolida as medidas regresivas iniciadas en 2011 e camiña cara a novos recortes e a privatización do sistema

O Bloque Nacionalista Galego denuncia os novos recortes acordados polo Goberno do Estado sobre as pensións, pactados coa patronal e os sindicatos estatais no seo do denominado “diálogo social”. O deputado do BNG, Néstor Rego, adianta a oposición da súa organización política na consolidación de medidas regresivas e no avance de recortes sinalando que “o BNG non comparte o acordo nin na forma nin no contido”.

As formas: negan a realidade sindical e furtan a capacidade lexislativa

Óptase, máis unha vez, polo denominado “diálogo social” que é que “o Goberno decide con quen quere negociar e faino con dúas organizacións sindicais estatais e dúas organizacións empresarias”, vulnerando a Lei Orgánica de Liberdade Sindical que estabelece as condicións para que as organizacións sindicais poidan acceder a categoría de máis representativas. “Hoxe, no Estado español, son cinco as centrais sindicais que teñen a condición de máis representativas: CCOO, UXT, CIG -que é a maior da Galiza- e ELA e LAB, que conforman a maioría sindical vasca” lembra Rego.

Unha negociación, di o deputado do BNG, que se fai á marxe dos organismos institucionais en que estas organizacións teñen representación como o Consello Económico e Social.

“Este recurso do diálogo social tamén se emprega para evitar a negociación na cámara lexislativa. O Goberno furta ao Congreso a capacidade lexislativa, tal e como aconteceu na Reforma Laboral onde a posición do Goberno -PSOE e SUMAR- foi de que non se podía tocar unha coma do acordo” denuncia Rego. Neste sentido, o BNG adianta que “non aceptará este tipo de chantaxes”.

O contido: reforma regresiva que consolida os recortes e avanza en novos

“O acordo é, de novo, unha reforma das pensións regresiva que non só consolida os recortes que se produciron desde as reformas de 2011, senón que a agrava con novos recortes” asevera o deputado nacionalista. Un exemplo destes novos recortes é que “se mantén a penalización para xubilacións anticipadas -incluso con 40 anos cotizados- e, ademais, séguense dispondo recursos públicos para incentivar a xubilación demorada o que nos parece un despropósito, sobre todo coa porcentaxe de desemprego xuvenil que existe no Estado español”.

Recortes, continúa Rego, como cando se reducen en dous anos a posibilidade de xubilación parcial na industria manufactureira, que actualmente estaba en 61 anos e que agora estabelécese que poida realizarse catro anos antes da idade legal de xubilación: é dicir, 63 anos.

“Parécenos gravísimo que se trasladen as probas diagnósticas e os tratamentos das incapacidades temporais de orixe traumatolóxica ás mutuas. O Goberno vai a contribuír a descapitalizar a sanidade pública para a sanidade privada” critica Néstor Rego. Unha decisión en contra dos traballadores e traballadoras que provocará a súa desprotección.