O BNG crea unha rede de colaboración estable entre concellos onde goberna para compartir iniciativas sociais e de transformación do país

Concellos en rede por Galiza asume un decálogo de prioridades que inclúe loitar contra os desafiuzamentos, a pobreza e a violencia machista

Vence: “O obxectivo é socializar ideas e proxectos de éxito para construír unha Galiza diferente desde os concellos”

O primeiro encontro municipal do BNG tras o 24M saldouse coa posta en marcha dunha estrutura estable de colaboración entre os concellos nos que goberna a formación nacionalista, que se conforma baixo a denominación Concellos en rede por Galiza, e que ten como obxectivo compartir iniciativas “de éxito e de transformación” que permitan construír país tamén desde os municipios.

No primeiro encontro da rede, que se reunirá alomenos cada seis meses, os responsables municipais dos 42 concellos nos que gobernará o Bloque en solitario ou en coalición asumen un decálogo de compromisos políticos prioritarios que xa avanzara en campaña municipal.

Entre esas prioridades, a loita contra os desafiuzamentos de tal xeito que ningunha persoa poda ser desaloxada da súa vivenda habitual sen ter unha alternativa, -concellos “libres de desafiuzamentos” en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence quen instou a facer unha “fronte municipal común” para promover un cambio na lexislación actual e, como medida inmediata, dispoñer dunha bolsa de vivenda pública para darlle unha opción ás familias mentres se renegocia coas entidades.

A loita contra a pobreza, en particular a enerxética, actuar contra a “lacra” da violencia machista, concellos que practiquen a tolerancia cero contra a corrupción, aposta pola defensa da cultura, da lingua e do propio patrimonio ao tempo que se impulsa concellos “orgullosos” da identidade colectiva do país e do dereito de Galiza a decidir, figuran entre as prioridades políticas.

Nese decálogo tamén se aposta por concellos que fagan fronte as políticas agresivas da dereita incluídas as que veñan da Unión Europea e, nese sentido, serán municipios que “planten cara” ao tratado de libre comercio USA-UE a favor de promover o desenvolvemento local.

As prioridades que asume esta rede de concellos tamén inclúe promover unha sociedade crítica, democrática e participativa en todos os ámbitos da vida municipal e impulsar administracións locais comprometidas co reequilibrio territorial e na busca de alternativas ante o despoboamento da Galiza rural, “sen a que o país perdería unha parte da súa propia identidade”, subliñou Vence.

Alternativa social e galega

“Queremos mostrar desde os concellos, como fixemos ata agora pero desde hoxe cunha representación municipal incrementada, que hai unha alternativa ás políticas antisociais e antigalegas do PP”, sintetizou o portavoz nacional.

Neste encontro municipal, alcaldes e alcaldesas que revalidan o seu cargo con caras novas, entre elas a da rexedora de Moaña, Leticia Santos, que valorou a oportunidade de “abrir unha nova etapa no concello” na que a veciñanza “sexa a protagonista”. “Estamos nas institucións para defender os intereses de todos e todas, cun concello transparente, dialogante onde o benestar social sexa a prioridade porque queremos estar ao lado das persoas”, explicou.

Tamén entre os que inician mandato o alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini, quen puxo o foco no despoboamento do medio rural, un drama que, dixo, fai necesario comezar “unha rebelión sería e tranquila, pero firme, desde os concellos do rural” para frear o que prognosticou como “despoboación” do medio interior do país en quince anos.

Concellos en rede por GZ

A colaboración en rede entre concellos nos que goberna o Bloque en solitario ou en coalición inclúe os 30 municipios nos que ostenta a Alcaldía e outros doce nos que participa no executivo local. Entre os primeiros, Ribadeo, Muras, Santiso, Boimorto, Toques, Allariz, Baños de Molgas, Tomiño, Rianxo, Carballo, Vimianzo, Carnota, Zas, San Sadurniño, Moeche, Fene, A Pobra do Brollón, Viana do Bolo, A Mezquita, As Neves, Ponteareas, Bueu, Moaña, Castrelo de Miño, Poio, Barro, Pontevedra, Pontecesures, Mazaricos e A Rúa.

DOCUMENTO "CONCELLOS EN REDE POR GALIZA".