O BNG, cos traballadores de Alcoa en Viveiro
Guilllerme Vázquez acusou á dirección de Alcoa de utilizar a coartada da tarifa eléctrica para xustificar a deslocalización dos seus centros produtivos e o recorte dos cadros de persoal.
Guillerme pronunciouse nestes termos durante o breve encontro que mantivo cos meios de comunicación antes de dar comezo á manifestación. Para o portavoz nacional, resulta unha evidencia que sen política industrial, sen apoio á economía produtiva, non temos ningunha posibilidade de saírmos da crise e de irmos cara un novo modelo de economía, máis social, máis sustentábel e con futuro para Galiza.
Guillerme criticou á Xunta de Galiza por carecer absolutamente de política industrial e por non ter feito nada relevante para garantir a continuidade de Alcoa e o mantimento dos postos de traballo.
Alcoa utiliza a tarifa eléctrica como coartada para preparar a deslocalización e o recorte do cadro de persoal
Todo o máis que sabemos do conselleiro de Industria é que el mesmo ten industrias en Portugal. Algo verdadeiramente esperpéntico, dixo, antes de relembrar a súa nefasta xestión tanto no sector eólico, co concurso absolutamente paralisado, como no naval, cos problemas verdadeiramente estratéxicos -o tax lease, o veto a Astano- sen seren abordados con seriedade.