O BNG convoca asembleas abertas en todos os barrios da Coruña contra a suba da auga

Reunión no Birloque

O BNG da Coruña está a levar a todos os barrios da cidade unha campaña contra a suba do prezo da auga, consecuencia das inxustas ordenanzas fiscais e de prezos públicos aprobadas inicialmente polo Goberno do Sr. Negreira. Para explicar o encarecemento deste ben de primeirísima necesidade que o PP trata como ben de luxo, os nacionalistas están a realizar asembleas abertas á cidadanía, co fin de cambiar o rumbo destas ordenanzas prexudiciais para os e as coruñesas.

As asembleas abertas xa recalaron, con moi boa acollida, nos barrios do Birloque, San Pedro de Visma, Eirís, Novo Mesoiro, Os Rosais, Agra do Orzán, e esta semana terán lugar en Feáns, Mesoiro, San Vicenzo de Elviña, Os Castros e Montealto. Rematarán a vindeira semana, cando remata o prazo para a presentación de alegacións.

Así, o BNG da Coruña chama á mobilización da cidadanía contra o espolio da auga, un encarecemento de máis de 50 euros anuais e a través da cal o Goberno do Sr. Negreira lle incrementa os beneficios xa de por si millonarios á empresa pública Emalcsa. Con estes cartos, a empresa financia proxectos externos que escapan ao control do resto dos grupos políticos, como é o caso da iniciativa Coruña Futura, cuxos 700.000 euros de custo serán financiados por esta empresa.

Nestas asembleas abertas, o BNG da Coruña denuncia que a cidadanía xa está a pagar un sobre custo ao prezo real do servizo e isto, malia que a lei (Lei 8/1989, de 13 de abril de taxas e prezos públicos) obriga a que as taxas dun servizo municipal, como o da auga, só cubran os custos de explotación do servizo, e non máis. Ademais, o BNG anima as persoas que acoden ás asembleas a presentaren alegacións contra as ordenanzas, xa que o Goberno municipal do PP aínda está a tempo de rectificar o roubo da auga.