O BNG convida a galeguizar os nomes e apelidos ante a celebración do Día das Letras Galegas

Militantes do BNG diante do xulgado de Compostela

Xosé Luís Rivas anima a Feijóo a galeguizar o seu apelido para recuperar a súa forma orixinal

Ante a celebración do 17 Maio, Día das Letras Galegas, o BNG inicia a campaña de galeguización dos nomes e restitución dos apelidos.

Nun acto celebrado nos Xulgados de Compostela, un gran número de militantes e simpatizantes do BNG participaron na campaña  para galeguizar o  nome e apelido. O deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas animou á cidadanía galega a “facer un esforzo” para acabar coas alteracións sobre os apelidos e nomes galegos. O deputado asegurou que a  campaña do BNG busca  a recuperación dalgunhas das nosas señas de identidade deturpadas entre as que destacou “ os topónimos,  nomes propios e apelidos”.

Rivas apoiou ás persoas que hoxe anunciaron iniciar  o proceso contra o que considerou “unha minusvalorización do que  fomos e somos”. Xosé Luís Rivas insistiu en que campaña iniciada polo BNG , “é libre e voluntaria” e pretende chamar a atención sobre algo que debería “estar xa  normalizado e institucionalizado”.

XOSÉ LUÍS RIVAS CONVIDA A FEIJÓO A GALEGUIZAR O APELIDO

En  Galiza existe un grande acordo sobre as  “vicisitudes” polas que atravesou a lingua galega e foi necesario, dixo Rivas, realizar moito  “traballo, vontade e  dedicación” para recuperala, agora precisamos outro consenso para que apelidos como “Feijóo, Sotoluengo ou Barrero, “non se repitan e podan recuperar as súas señas de identidade”, reiterou.

O deputado remarcou que a campaña nacionalista , libre e voluntaria “non impón nada nin obriga a ninguén” só pretende que impere a “cordialidade e o sentido común”. Rivas lembrou que durante o período franquista resultaba impensable inscribir os nomes en galega baixo ameza de ingresar no carcere, pero na actualidade, “os trámites son moi doados”. Eu, dixo, non posúo o idioma, “o idioma posúeme a min”  e non imos ocultar os nosos nomes e apelidos nin o noso sotaque. Esquecer o pasado pode impedir coñecer o futuro por iso resulta necesario normalizar o noso idioma.

Para galeguizar  o nome é apelidos só é preciso solicitar unha partida de nacemento e mudar o nome  no rexistro civil onde figuramos inscritos. O BNG pon a disposición de todas as persoas interesadas  a información sobre os trámites necesarios para galeguizar o nome e apelido a través da súa páxina web.