parlamento galego

BNG consigue o compromiso da Xunta para que o 50% da vivenda protexida en cada unha das fases do PAU de Navia sexa de promoción pública en aluguer

Alexandra Fernández

Alexandra Fernández critica a falta de sensibilidade do PP con persoas en situación de vulnerabilidade ou mozos que non teñen acceso a unha vivenda

O BNG vén de acadar o apoio da maioría do Parlamento para reclamar á Xunta que O 50 % da vivenda protexida en cada unha das fases do Polígono de Actuación Urbanístico (PAU) de Navia, en Vigo, sexa de promoción pública de aluguer. 

O acordo inclúe outro punto polo que se reclama ao Goberno do PP que, de cara a actuacións futuras,  defina unha “estratexia de diversidade e flexibilidade tipolóxica da edificación e da vivenda” que responda á variedade social da cidade e á vontade de tecer un barrio con maior mestura social e espazos de interacción social. Trátase, segundo explicou a deputada Alexandra Fernández, de revisar os parámetros da vivenda para atender a unha realidade na que hai máis parellas sen fillos ou máis persoas que viven soas.

A portavoz do BNG en Vivenda e deputada de Vigo, Alexandra Fernańdez, foi a encargada de defender a iniciativa que deu pé a estes acordos, unha iniciativa que incluía outro punto, rexeitado polo PP, no que se reclamaba á Xunta unha reserva de vivenda pública suficiente para responder a situacións de emerxencia habitacional -como a provocada por desafiuzamentos ou violencia machista-, para facilitar a emancipación da mocidade ou para o impulso do programa Housing First.

Fernández felicitouse polos acordos acadados pero advertiu de que o BNG estará vixiante para que o PP cumpra co seu compromiso. Lamentou, por outra banda, a “falta de sensibilidade” que demostran os populares ao non comprometerse co establecemento de políticas específicas que faciliten o acceso a unha vivenda da mocidade ou de persoas en situacións de vulnerabilidade, como vítimas de violencia machista o persoas en recursos que viviron un desafiuzamento.  “Cos actuais prezos da vivenda, hoxe unha muller que quere marcharse da casa porque sofre violencia teno aínda máis difícil”, puxo como exemplo.

A iniciativa do BNG foi debatida na primeira reunión da lexislatura da Comisión 2ª, que Alexandra Fernández aproveitou para criticar a falta de políticas de vivenda pública durante os quince anos de goberno do PP. “É un feito incuestionable que co PP no goberno da Xunta a política de vivenda protexida morreu”, asegurou a deputada nacionalista, subliñando ao respecto que mentres co BNG no Goberno da Xunta se iniciaron ata 4.000 vivendas protexidas por ano, co PP “cóntase cos dedos da man”: tan só 5 no 2015, 6 no 2016, 5 no 2017 ou só 2 no 2018.

“Este País ten que recuperar o impulso da vivenda pública”, advertiu a deputada nacionalista, quen considerou fundamental para elo o desenvolvemento do PAU de Navia, “o maior desenvolvemento urbano de Galiza en décadas, con 1.600 novas vivendas protexidas previstas”, un proxecto que, denunciou, o PP meteu no caixón durante anos.

A portavoz de Vivenda do BNG reclamou ao Goberno do PP que aclare o calendario para o desenvolvemento das diferentes fases previstas do PAU de Navia. “Van estar as 1.600 previstas dispoñibles nesta lexislatura ou van necesitar dez ou vinte anos?”, preguntou, para a continuación censurar as partidas orzamentarias que quedaron sen executar tanto en promoción de vivenda pública como de solo residencia.

De aí, argumentou, o temor de que o Executivo do PP estea a transmitir “unha promesa inflada que remate nun novo pinchazo” . “Con este ritmo de investimento, dous millóns de euros para todo o País na promoción de vivenda pública,  é imposible que o PAU de Navia sexa unha realidade en moitos anos”, advertiu.

Alexandra Fernández reclamou, por outra banda, que as políticas da Xunta dean prioridade á inversión no modelo de promoción pública fronte ao de promoción privada. Asegurou, neste sentido, que “a vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro representa unha inversión de carácter estrutural, un legado para as xeracións futuras, para que en cada ciclo de 15 ou 20 anos pidamos falar dunha maior porcentaxe de vivenda pública”.