O BNG consigue que a Comisión Europea manteña aberta a denuncia sobre a liña de alta tensión de Arbo
Ana Miranda avanza que o proxecto da LAT será unha das prioridades que tratará ao longo do seu escano
A ata agora portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, expresou a súa satisfacción por que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidira manter aberta a investigación sobre a liña de alta tensión entre Arbo e a fronteira portuguesa. Esta decisión produciuse tras a intervención de dúas representantes da veciñanza afectada, na que ademais de solicitar esta continuidade, denunciaron a falta de información estación sobre o proxecto.
“Denunciamos que despois de catro anos non exista a Declaración de Impacto Ambiental, así como que as peticionarias non teñan recibido información sobre o proxecto”, subliñou Miranda, en referencia á denuncia que ela mesma presentou xunto a deputada do Bloco de Esquerda Portugués, Marisa Matias, en outubro de 2014.
Ana Miranda avanzou que esta cuestión será unha das prioridades que tratará ao longo do seu escano e felicitouse de que as peticionarias recibiran o apoio de todos os grupos da Comisión para que a petición siga aberta, tal e como as peticionarias e a deputada Marisa Matias solicitaron nas súas intervencións. Precisamente criticaron a falta de información recibida desde 2011, cando se presentou o Documento Inicial do Proxecto.
Desde abril de 2014, este proxecto de Liña de Alta Tensión está en fase de análise técnico do expediente, pero, case catro anos despois aínda está pendente a Declaración de Impacto Ambiental. Para a veciñanza afectada trátase dunha situación moi preocupante, en tanto que as torretas (de entre 80 e 90 metros de altura) pasan moi cerca das vivendas e, en caso de caída, producirían o arrastre das demais e a caída dos cables sobre as propias vivendas.
Este Real Decreto sitúa a distancia de 6,1 metros desde unha liña de alta tensión ás vivendas e deixa á veciñanza en situación de indefensión e risco efectivo pola proximidade ao trazado eléctrico.
Por outro lado, outra das peticións refírese á solicitude de información relacionada coa realización do Documento Inicial del Proxecto, presentado no Concello en novembro de 2011, xa que nesta fase de estudo se estableceron contactos cos concellos, se realizaron reunións coas operadoras e se fixeron visitas ao terreo.
Mais, segundo sinalaron as peticionarias, o problema reside en que debido a que este documento se perdeu, non foi rexistrado nin posible facer as alegacións oportunas na fase de consultas previas nin tampouco se realizou a exposición pública do documento.