BNG considera positivas algunhas medidas do Goberno pero advirte que son tardías e serán insuficientes
O deputado nacionalista Néstor Rego considera que tanto a baixada do IVE da electricidade a 5% como o imposto aos beneficios das enerxéticas e deberían aplicarse hai tempo e lamenta que este non se aplique até 2023
O BNG entende que todas as medidas de apoio social, sendo positivas, non chegarán para controlar a escalada de prezos se non se estabelece un tope ao prezo da electricidade e dos combustíbeis aos consumidores e consumidoras finais e se non adoptan medidas estruturais como unha modificación profunda da regulación do sector eléctrico
Nunha primeiro valoración ás medidas adoptadas neste sábado polo Goberno español, o deputado do Bloque Nacionalista Galego Néstor Rego, considerou positiva a prórroga das que figuraban no Real Decreto Lei anterior e a inclusión dalgunhas novas como o incremento de 15% das pensións non contributivas, a axuda extraordinaria de 200 € para persoas con baixos ingresos, o anuncio da baixada do IVE da electricidade a 5% ou o anuncio dun novo imposto aos beneficios extraordinarios das enerxéticas. Con todo, considera que estas medidas serán insuficientes para controlar a escalada de prezos e protexer as clases populares que sofren as súas consecuencias se o Goberno non asumir a necesidade de estabelecer un tope ao prezo da electricidade e dos carburantes no mercado final, se non se abordar unha modificación profunda na regulación do sistema eléctrico que elimine o mercado marxinalista e se non recoller, para alén da excepción ibérica, tamén a excepción galega, é dicir: unha Tarifa Eléctrica Galega dado que somos produtores excedentarios de enerxía eléctrica.
En relación á baixada do IVE da electricidade a 5% o deputado el nacionalista lembra que o BNG leva dous anos reclamando “que se reduza ao tipo súper reducido de 4%, por tratarse a electricidade dun ben esencial, de forma permanente e que se compense cun imposto ás grandes empresas, particularmente ás enerxéticas e de forma especial a aquelas que fan negocio con bens públicos como as eléctricas.
Neste sentido, valora como un paso positivo que se anuncie un imposto aos beneficios extraordinarios do enerxéticas, mais considera que chegará tarde porque non entrará en vigor en ningún caso antes do 1 de xaneiro de 2023 e por tanto non gravará os ingresos indecentes das enerxéticas ao longo do ano 2022. “Ao Goberno faltoulle decisión para meter man aos lucros indecentes das enerxéticas, de feito deu marcha atrás no decreto que aprobara a mediados de 2021. É evidente que se anuncia agora este imposto é pola presión social e política, mais, lamentabelmente, non o aplicará até 2023, mentres as eléctricas continúan forrándose”, sinala Rego.
O deputado nacionalista lembra que no ano 2021, a pesar da crise, as 3 grandes eléctricas tiveron uns beneficios de 6.500 millóns de euros e as 5 principais enerxéticas do Ibex 35 uns lucros que superaron os 10.000 millóns de euros, “todo isto nun momento en que as clases populares e as maiorías sociais o estaban pasando realmente mal e, con certeza, neste 2022 irá acontecer o mesmo; por tanto, a decisión do goberno é tardía e parece que resulta máis de pensar en como non enfadar excesivamente personaxes como Sánchez Galán que en como beneficiar as maiorías sociais”.
Por outra parte, Rego advirte que todas as medidas de protección social, aínda sendo positivas, serán insuficientes se o goberno non estiver disposto a adoptar solucións estruturais que pasan necesariamente por unha nova regulación do sistema eléctrico que elimine o mercado marxinalista “un roubo legalizado” e se pase a pagar por custos reais de produción, que quite da factura todos os cargos e peaxes que non teñen nada que ver coa produción e a distribución de enerxía e que, dado que se fala tanto do 'excepción ibérica', se aplique tamén a 'excepción galega'. É dicir, que se estabeleza unha Tarifa Eléctrica Galega en consideración á nosa condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica e en compensación aos avultados custos sociais e ambientais que a Galiza leva pagado por esa especialización na produción de enerxía eléctrica que non deixa beneficios no noso país.
En todo o caso, o BNG entende que o goberno tería que adoptar uma medida de urxencia realmente eficaz como estabelecer prezos máximos da enerxía eléctrica e dos carburantes no mercado final, un mecanismo que evitaría que solucións como as de bonificar 20 céntimos por litro fosen rapidamente inutilizadas polas novas subas de prezos que beneficias só as empresas. Mais “é claro que este tope nunca podería se á custa de que sexamos os consumidores e consumidoras os que o acabemos compensando -como acontece co tope do gas no mercado maiorísta- senón á conta de reducir os escandalosos beneficios das empresas enerxéticas”, salienta Rego, que ademais subliña que non se entende porque é posíbel estabelecer un prezo máximo ás bombonas de butano e non o é estabelecelo á electricidade ou ao litro de combustíbel nas gasolineiras.
En relación co anuncio de incremento en 15% até final de ano das pensións non contributivas, o deputado galego entende que é uma medida positiva, mais tamén que, para alén de convertela en permanente, tería que ir acompañada dun incremento das pensións mínimas -non só das non contributivas- por que o conxunto dos e as pensionistas como o de traballadores e traballadoras está a perder poder adquisitivo. Aliás, esta era unha medida comprometida polos partidos que conforman o goberno: subir todas as pensións mínimas até igualalas co salario mínimo interprofesional e levar ambos até 60% do salario medio, como estabelece a Carta Social Europea que o Estado español ten recentemente ratificado.
Tamén resulta positiva a decisión de subvencionar 50% os bonos de transportes terrestres mais, a xuízo de Néstor Rego, esta medida no noso país, para ser realmente eficaz, debe ir acompañada da mellora dos servizos ferroviarios como “a recuperación de frecuencias perdidas durante a pandemia, a implantación doutras novas, a creación das cercanías ferroviarias nas áreas metropolitanas ou a adecuación dos horarios”, todas elas cuestións que están a suscitar descontento e reivindicacións por parte de usuarios e usuarias. Tamén debería o Goberno paralizar unha medida “que resulta incomprensíbel, como a pretensión de eliminar paradas e servizos de transporte por estrada en máis de 20 concellos do noso país”.