O BNG considera que o Goberno Central acaba de dar un golpe de estado á democracia en Catalunya
Ana Pontón: «È unha barbaridade, ademáis inútil, porque non se pode cesar nin ilegalizar a vontade dun pobo que quere decidir en liberdade»
Condena a resposta represiva do Goberno no político, -coa suspensión da autonomía-, no xudicial, -encarcerando a persoas polas súas ideas-, policial, -cunha actuación desproporcionada-, e no mediático
O BNG cualifica de golpe de estado e golpe à democracia en Catalunya a decisión do Goberno do Estado de cesar ao lexítimo goberno catalán, de intervir o Parlamento elixido polo pobo para substituilo por un goberno imposto por Rajoy, máximo responsable dun PP residual en Catalunya, tomando pola forza o que a sociedade catalá lle negou sistematicamente nas urnas.
Este golpe de estado en Catalunya è, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, «unha barbaridade e ademais un acto inútil porque non se pode cesar, nin ilegalizar a vontade dun pobo que quere decidir libremente o seu futuro».
Pontón chama a atención sobre o feito de que unha forza política con once deputados «se faga co control do Goberno da Generalitat suspendendo a autonomía de Catalunya cando as urnas nunca lle deron este apoio». O BNG tamén e contundente co papel «cómplice» que está xogando o PSOE ante unha «involución democrática que ten o seu punto álxido» neste golpe de Estado en Catalunya.
Desde o Bloque, a portavoz nacional fai un chamamento para que nesta semana «haxa tempo para a reflexión» e se poda rectificar este atentado democrático, que implica liquidar o lexítimo goberno de Catalunya, do Parlamento elixido polo pobo e tamén a intervención dos medios publicos de comunicación.
O BNG e rotundo na súa condena a vía represiva na que está instalada o Goberno do Estado que responde co artigo 155 á oferta de diálogo da Generalitat para buscar unha solución política á lexítima vontade a decidir da maioría do pobo de Catalunya.
Nun comunicado, a Executiva nacional salienta que a decisión do Executivo de Mariano Rajoy “é un profundo erro, sen precedentes e con gravísimas consecuencias no presente e para o futuro”, porque tendo enriba da mesa a alternativa do diálogo e da negociación ou a alternativa da represión, opta por esta última.
“O goberno español tiña en riba da mesa dúas saídas a este conflito. Por unha banda, aceptar a oferta de diálogo formulada polo Goberno catalán con posibilidade de intermediación internacional en aras a buscar e consensuar unha solución pactada, democrática e pacífica” e, por outra banda, “negar esa posibilidade e dar unha resposta en clave exclusivamente represiva en todos os ámbitos”.
Represión no político coa aplicación do 155 dando formalidade ao estado de excepción non declarado no que xa está Catalunya; no xudicial encarcerando persoas por motivos políticos, aplicando importantes sancións económicas e administrativas e empregando o Tribunal Constitucional como un apéndice do PP, no policial, cunha intervención desproporcionada e fóra de lugar, e no mediático, cunha instrumentalización dos medios de comunicación públicos.
“O Goberno español optou pola segunda opción e hoxe dálle carta de natureza e comezo formal a un proceso que terá importantes consecuencias políticas, e que amosa a situación de involución democrática que non só afecta á negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de recentralización, retroceso e perda de dereitos e de liberdades básicas nunha democracia”, sinala o comunicado da dirección do Bloque.
O BNG, conclúe a Executiva nacional, “manifesta a súa oposición á aplicación do artigo 155 e fai un chamamento a unha rectificación política para poder solucionar un conflito de índole política que nunca se poderá resolver pola vía policial e xudicial”.